«A nosa zona é máis de afección a cabalos de ruta que de doma clásica»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

O colectivo, que se está formalizando, organiza a primeira saída para o 15 de setembro

20 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é que no municipio de Silleda non haxa afección aos cabalos, todo o contrario, pero houbo que agardar ata a data para que se constituíse unha asociación de cabaleiros. E xurdiu, apunta a silledense Estefanía Taín Surribas, presidenta da Asociación de Cabaleiros de Silleda, por un «pique».

-Explícome. Compañeiros cabaleiros doutros concellos sempre nos estaban preguntando cando se facía unha ruta por Silleda... Nós iamos ás que se organizaban polos outros concellos, e aquí non se fixera ningunha ata o momento, e pensamos que había que cambiar a situación.

-E pensaron en crear un colectivo no municipio.

-Efectivamente. Podiamos programar e levar a cabo rutas sen máis, pero pensamos que era mellor facer as actividades ao acubillo dunha asociación por cuestións administrativas. Á hora de tramitar unha autorización é mellor facelo a través dun colectivo, e o mesmo ocorre coa responsabilidade ou para solicitar un determinado permiso. Foron suficientes argumentos de peso para facernos embarcar neste proxecto.

-Cantas persoas forman parte deste proxecto constitutivo?

-Hai que dicir que temos pendente a recepción dos últimos documentos para oficializar ao 100 % a asociación, que agardamos recibir en próximas datas, e no nacemento e posta en marcha do colectivo estamos cinco persoas. Neste proxecto acompáñanme David Ferradás, Jose González, José Taín e Ana Taín, e esperamos que posteriormente se vaia sumando moita xente máis, unha vez estean os trámites todos pechados, xa que aquí afección ao mundo do cabalo hai moita. É unha zona na que hai máis afección aos cabalos de ruta que á doma clásica, como pode suceder noutros concellos.

-Falaba de afección, cando comezou a súa?

-Dende moi nena, con dez anos. Sempre quixen ter un cabalo, pero o problema era que non tiñamos un sitio no que gardalo. Cando marchei a facer a carreira (cursou Económicas en Vigo) tamén traballei para poder mercar o meu primeiro cabalo. Na actualidade teño cinco animais.

-No seu contorno máis próximo había afección?

-Eu metinlle o gusto a meu pai e agora miña irmá tamén leva un par de anos neste mundo. Fun a culpable de todo isto [risas].

-É un mundo que achega moita positividade?

-Moitísima. É unha afección que permite coñecer a moita xente, pero tamén manter un contacto estreito coa natureza, descubrir sitios con moito encanto. Procuramos fuxir o máximo posible do asfalto e apostar polos camiños, e levar os cabalos por zonas de monte e carballeiras. É un vicio que engancha, pero é un vicio san, no que gozas dos animais, e do deporte, e que che permite ir coñecendo lugares que ao mellor descoñecías. Persoalmente se non saes parece que che falta algo. É unha das mellores maneiras que existen para gozar do aire libre, e aquí temos moitos sitios aos que acudir, afortunadamente.

-Compañeirismo e aire libre entón para a primeira ruta que organizan para o mes de setembro.

-Esperamos que sexa unha ruta con moita participación, tanto de compañeiros de Silleda coma doutros concellos da contorna, xa que tamén será a nosa primeira actividade dende a asociación e será unha maneira de presentarnos. A ruta témola fixada para o 15 de setembro, con saída de Silleda para ir por Negreiros, O Castro, Ponte, Vilar e Trasfontao. É un percorrido duns 20 quilómetros, con saída ás 10 da mañá e con parada para uns petiscos antes do xantar.

Exercicio saudable. A práctica deste deporte favorece a corrección postural, axuda a manter a forma física, aumenta a capacidade respiratoria, fortalece o corazón e mellora a concentración e a autoestima.

Parroquias silledenses con máis exemplares. Son as de Laro, Escuadro e Silleda.

«A maioría opta por mercar aquí os seus cabalos, ao haber bos criadeiros e exemplares»

A afección ao mundo equino na zona é ben palpable pola cantidade de asociacións de cabaleiros que están funcionando, marcando un bo puñado de rutas ao longo do ano, á marxe dos clubs hípicos que tamén están en pleno funcionamento na actualidade.

-Que razas son as predominantes na zona?

-O cabalo español e o árabe son os que máis abundan na zona, e tamén cruzamentos. Estes son os máis habituais, pero todos son exemplares de moi boa calidade. O normal é que se coiden moi ben os animais, e que sexan cabalos moi fermosos.

-Considera que a hípica é un deporte caro?

-Non. Podemos dicir que é como calquera outro deporte... hai niveis, coma en todo. Se es cazador e marchas a cazar a cotos a Madrid, por exemplo, posiblemente a túa afección sexa cara; se pescas fóra tamén ou practicas esquí... Máis do mesmo.

-Canto pode custar entón un cabalo?

-Podes gastar nun exemplar o que queiras, claro, pero dende 500 euros podes atopar un cabalo e por mil euros xa falamos dun bo exemplar.

-Mércanse en Galicia ou fóra?

-Os meus, que son cinco exemplares de seis, nove e doce anos, foron todos mercados en Galicia. A maioría opta por mercar aquí os seus cabalos, xa que hai bos criadeiros e exemplares marabillosos sen ter que acudir fóra.

-Mellor que pasten en liberdade?

-Sempre que se poida penso que é o mellor para os animais, o máis positivo para eles, e tamén para os donos. Eu téñoos fóra todo o ano e viven moito mellor, pacen libremente... Non significa que non lles leves suplemento de herba, miras que teñan sempre auga e vas todos os días ao prado para comprobar que están todos en perfectas condicións.