Tres décadas das Tardes de Primavera

amelia ferreiroa

SILLEDA

rober amado

A Coral Polifónica de Silleda promove mañán o seu trigésimo festival anual, convidando ás corais de Piloño e Renfe de Monforte

23 may 2019 . Actualizado a las 23:09 h.

Aproveitando a xornada de reflexión antes de participar nos comicios deste vindeiro domingo, e despois de moitos días de campaña electoral, a Coral Polifónica de Silleda convida aos silledenses e o público en xeral a disfrutar mañán da música coral na que será a trixésima edición das Tardes de Primavera na Vía da Prata-Camiño de Inverno.

A cita coa música coral comezará ás 20.30 horas, no Salón Parroquial-Auditorio de Silleda, e contará con dúas formacións convidadas: a Coral de Piloño (Vila de Cruces) e a Coral Renfe de Monforte de Lemos. Foi o 27 de maio do ano 1990 cando naceu este festival, cun primeiro concerto realizado na igrexa parroquial de Santa Eulalia de Silleda, que conseguiu manterse no tempo co mesmo espíritu co que xermolou: dar a coñecer a música coral e compartir festival con outras formacións.

Nesta ocasión a directiva da coral silledense apostou por convidar ao festival á Coral Polifónica de Piloño «como mostra de afecto en devolución de intercambio, e sempre lembrando cando en xuño de 1995 asistiu á inauguración da restaurada capela de Hoy-Vas, como así se chamaba esta coral cruceña ata o ano 2012». A veterana formación de Monforte, a Coral Renfe, con 59 anos de historia protagonizará tamén este festival.

A música nas tres agrupacións será moi variada e propia das tardes primaverais, destacando na actuación da Coral Trasdeza de Silleda unha parte do programa en castelán que levará á cidade de Palencia o vindeiro 1 de xuño e a Espinosa de Villagonzalo ao día seguinte; vila de onde son naturais algúns membros da coral silledense. Posteriormente o 15 de xuño tamén estará presente no encontro coral que se celebrará no convento de Poio.

Por outra banda a coral agradece a colaboración dos socios protectores, amigos, veciños, concello, Deputación, aos viveiros Verdecer, á Manager Social e á parroquia de Silleda a súa implicación neste evento.