Rachar coa barreira idiomática, primeira necesidade dos inmigrantes

amelia ferreiroa

SILLEDA

Cedida

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Silleda iniciou onte a posta en marcha de clases de español para inmigrantes, dentro do Programa Anduriña que coordina o departamento de Educación Social. Unha iniciativa que busca axudar aos centos de inmigrantes que contabiliza o municipio e «que presentan un problema que é a barreira da lingua», explica a concelleira de Benestar Social Pilar Peón. O municipio que conta na actualidade con 800 inmigrantes, «case un 10 % da poboación o que significa un volume a ter en conta», e que proceden de Latinoamérica, Asia, África e Europa «atopan trabas á hora de homologar títulos académicos, no sistema galego de saúde ou no eido da escolarización dos fillos de aí a importancia destes cursos de español». Iniciativa que se ven levando a cabo no municipio ao longo dos últimos anos con gran receptividade, segundo Peón, e nesta nova andaina que irá ata o vindeiro mes de xuño conta cunha docena de anotados. «Dende o concello tamén remitimos cartas ao tecido empresarial do municipio para que se teñen traballadores nas súas empresas que precisen destas clases de español que non dubiden en poñerse en contacto con nós». As ensinanzas iniciadas onte manterán continuidade todos os mércores e venres de 10.30 a 12.30 horas na Casa da Xuventude. Unha profesora voluntaria foi a encargada de comezar onte a avaliación do alumnado «para saber o grao de coñecemento e manexo da lingua que teñen os participantes», comentou a concelleira que acudiu á apertura do curso. Un programa que busca tamén introducir aos alumnos no coñecemento da cultura española e galega e mesmo conseguir que acaden as competencias lingüísticas suficientes para presentarse ao A2. «Cremos neste tipo de programa e que será de gran axuda para as persoas que veñen a vivir a Silleda e non coñecen ben a nosa lingua, para que se familiaricen co idioma e dar resposta tamén a unha das primeiras demandas que prantexa este colectivo á administración local».