«Triloxía é un proxecto potente, con alta esixencia artística»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Miguel souto

Da excelente relación entre as formacións de Merza, Lalín e Silleda nace esta novidosa e complexa proposta

17 ene 2019 . Actualizado a las 20:54 h.

As bandas de Merza, Lalín e Silleda están traballando nun proxecto chamado Triloxía, que se pretende amosar ao público nun único concerto no Auditorio de Galicia en Compostela o próximo 28 de abril ás 17.30 horas.

-Novidosa iniciativa musical. Como comeza todo?

-Nace da excelente relación entre directores e presidentes destas bandas e decidimos facer algo artísticamente moi potente. Un proxecto deste tipo que posiblemente nunca se fixo en Galicia. Hai certames que son concursos con obra obrigatoria, bandas que invitan a outras pero un festival artístico deste tipo onde hai un tema en común, un repertorio en común e tres bandas que traballamos nesa liña para ofrecer un produto realmente potente a nivel artístico creo que é novidoso.

-A que atende o nome de Triloxía?

-A primeira idea que tivemos era a do repertorio e decidimos facer unha triloxía, que son tres poemas sinfónicos basados na cidade eterna da década dos anos 20. Son as «Fontes de Roma» (1920), os «Pinos de Roma» (1924) e a «Festa Romana» (1928), e ao ser 3 bandas acordamos que o proxecto se chamase sempre triloxía xa que a idea é desenvolver o proxecto cada ano cuns 250 músicos sobre o escenario. O proxecto inclúe tamén un día de confraternidade entre os músicos das bandas.

-Que buscan con esta iniciativa?

-A estimulación dos nosos músicos; buscar un proxecto máis novidoso e potente e con alta esixencia artística á hora de preparalo e ofrecelo a Galicia dende as bandas, un tesouro recoñecido en toda Europa, e ofrecer un concerto no que o público poida escoitar unhas obras que rara vez pode encontrar.

-É este o traballo máis importante para a banda este ano?

-É un proxecto de moito traballo pero tamén pensamos sacar un cedé no verán, para unha editorial holandesa, con músicas cercanas á zarzuela, incluso música francesa inspirada no folclore español do romanticismo xunto co ciclo de concertos ata o próximo verán.