José Puertollano, o «home araña», en Deza

daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

Cedida

O granadino escalou hai máis de cen años a torre do santuario de Abades para colocar unha cruz de pedra

06 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis de cen anos, na parroquia silledense de Abades o famoso escalatorres granadino José Puertollano subiu ao cume do campanario do Santuario dos Desamparados co encargo de colocar a pesada cruz de pedra corando a torre deste templo que, cos seus 35 metros de altura, se ten pola máis alta de cantas existen na comarca de Deza. Supoñemos que o entón reitor do santuario Ramón Álvarez Ramos tamén aproveitaría os seus servizos para colocar o pararraios que dende aqueles anos campa na torre.

Non quedan testemuñas daquela ascensión a cima do santuario neoclásico que no século XVIII impulsara o párroco valenciano Joaquín de Espés coa achegas dos fieis, onde -ademais do impresionante conxunto relixioso que forma coa antiga igrexa románica, a reitoral e un ben labrado cruceiro- destaca o seu singular órgano realizado por frei Felipe de la Peña, así como as pinturas murais de Juan Calvelo e as imaxes dedicadas a San Xaquín e San Xosé, esculpidas por Xosé Gambino, que se gardan no interior.

O home araña granadino agatuñaba polas paredes do Santuario de Abades sen outra ferramenta que as súas propias mans, ao igual que anteriormente fixera na ascensión a torre Berenguela de Compostela en 1909 anunciándose como El rey de las alturas, e tamén ás torres das catedrais de Mondoñedo e Ourense nos anos seguintes. En Lugo, durante o San Froilán de 1910, segundo El Regional «hizo todo género de locuras: ponerse la chaqueta, fumar un cigarro, hacer equilibrios, colocarse cabeza abajo sostenidos los pies en la veleta...». En 1915 escalaría as torres da Peregrina en Pontevedra co seu fillo Miguel e tamén, un par de anos despois, a emblemática torre dos Clérigos no Porto -tal e como se poder apreciar nunha estremecedora filmación que se ofrece na páxina web da Cinemateca Portuguesa- cunha multitude admirando a proeza, que continuaría logo en moitas cidades e vilas do pais de veciño e por España adiante, onde ademais das exhibicións multitudinarias aceptaba encargos para reparar chemineas industriais cos que completaba o seu arriscado medio de vida.

Na Exposición de 1909 de Compostela coa presenza do Rei

Contan as crónicas que o home araña Puertollano acadara permiso do rei Alfonso XIII para escalar todas as torres de España. Acontecía isto na festividade do Apóstolo de 1909, en que o monarca chegara a Santiago para facer a ofrenda e inaugurar a histórica Exposición Regional Gallega. Na praza do Obradoiro Alfonso XIII tivo ocasión, ao igual que os membros da a súa comitiva entre os que se atopaba o entón presidente do Goberno, Antonio Maura, e un numeroso e improvisado público, de ollar ao granadino no cumio da torre da Barenguela a 72 metros de altura, onde o subira clandestinamente de madrugada ficando agarrado ao pararraios. Coa chegado do Rei comezou a facer equilibrios e filigranas entre a incredulidade e admiración de todos. Xa abaixo, Puertollano aproveitou a ocasión para entregarlle ao monarca un escrito solicitándolle autorización para en adiante escalar todas as torres de España. Deste xeito o acróbata que comezara no circo, ía gañar a vida coas súas exhibición ao publico pasando bandexa ao remate das mesmas e facendo traballos nas alturas poñendo pararraios, limpando reloxos ou colocando bandeiras por Galicia adiante nos anos seguintes coa axuda da súa familia. Das súas proezas daban conta os periódicos da época con crónicas e fotos e aínda na actualidade queda memoria nas reportaxes de Henrique Alvarellos e Fernando Salgado en La Voz de Galicia, tamén Carlos Castelao que prepara un interesante libro, e David R. Jimenez Muriel e Andrés García Doural nos seus blogs.

Os melindres de Tábora e os reloxos de Vázquez premiados

Dáse o caso de que naquela grandiosa e célebre exposición de 1909 houbo unha destacada presenza dezá. Nos impresionantes pavillóns modernistas da Alameda, onde participaban arredor de 600 expositores, foron distinguidos co máximo galardón da medalla de ouro os melindres de Cándida Tábora, presentados polo seu fillo Xosé que xa daquela rexentaba a confitería en Silleda. O recoñecemento contribuiría a aumentar a fama en toda Galicia duns doces que máis dun século despois aínda seguen a elaborar os seus descendentes na actualidade.

Tamén se mostraban dentro das innovacións técnicas da exposición compostelá os reloxos eléctricos do lalinense José Vázquez y Vázquez, que ao igual que os do seu sobriño Evangelino Taboada Vázquez, acadaron certo prestixio e recoñecemento naqueles anos e agora fican no esquecemento.

Morreu de vello

O escalatorres José Puertollano comezara a súa carreira como acróbata en 1890, cando aínda non cumprira os vinte anos de idade, no Circo Feijóo fundado polo ourensán Secundino Feijóo e que daquela era o máis famoso circo de España, da man do que chegaría a Galicia nos primeiros anos do século XX. Logo de deixar o circo andaba por todo o país coa súa familia nun carromato, ofrecendo espectáculos de acrobacia e sesións de cine o aire libre.

Aquí nacerían os seus fillos e falecería a súa dona en 1912 o que puido influír en que seis anos despois a familia abandonara Galicia, continuando as súas exhibición e traballos en altura por España e Portugal. Dous dos seus fillos galegos continuaron co oficio do pai e a finais dos anos vinte andaban escalando as torres do Pilar en Zaragoza. Daquela non lle permitían ao vello Puertollano que trepara ás alturas como era seu desexo. En contra do que puidera pensarse José Puertollano morreu de vello, logo dunha vida tan intensa coma arriscada, pero a súa memoria segue a manterse na vella cruz do campanario de Abades que un incerto día levou con el ata chantala no máis alto.