«Pangea é unha viaxe musical que sobrevoa os continentes»

amelia ferreiroa

SILLEDA

Óscar Cela

O Concerto de Nadal de Silleda reúne esta noite á banda, coro da escola e ao grupo Máisquedanza en Semana Verde

29 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pangea. A paisaxe sonora do noso planeta é o título do XIX Concerto de Nadal, que terá lugar ás 19 e ás 21.30 horas en dúas sesións na Semana Verde, aínda con algunhas entradas a venda, protagonizado pola Banda de Música de Silleda, o coro da escola de música, Máisquedanza e o construtor, multiinstrumentista e profesor de trompeta do Conservatorio de A Coruña, Abraham Cupeiro.

-Que se agocha detrás de Pangea?

-É a procura de volver a coser e unir as culturas. Percorrer o noso planeta coa máquina do tempo máis probable que podería existir que é a música. É unha oportunidade que se me brindou para facer este proxecto coa magnífica Banda de Silleda e imos poñer de manifesto a maneira de ver a música, os instrumentos que toca unha banda que compenetraremos con outros diferentes. É un recorrido difícil pero a meta vale a pena.

-Como se estructurará o espectáculo?

-A parte de contar co coro, coa banda e con Máisquedanza visitaremos os diferentes continentes comezando por Oceanía, Asia, América, África e partes de Europa. Pangea é unha viaxe musical que sobrevoa os continentes, collendo das súas músicas compostas por María Ruíz e por min, orquestradas por Adrián Saavedra e que leva a unha unión de todas as disciplinas representadas neste concerto.

-Canto meses empregou na posta en marcha deste espectáculo para Silleda?

-Concretamente foron dez meses os que precisei para ter todo controlado, para que o espectáculo estivese perfectamente hilvanado, pero detrás hai moitos anos dedicados ao coñecemento, de buscar documentación e de investigación.

-Leva anos recompilando datos e fabricando instrumentos.

-Así é. Son profesor no Conservatorio de A Coruña de trompeta pero tamén fago unha recolla de instrumentos e tamén emprego parte do meu tempo en construílos.

-Cando comezou ese o seu interese?

-A verdade é que comecei tocando instrumentos do século XVIII e acabei indo 2.500 anos atrás. Espero quedarme aí e non retroceder máis no tempo(risas).

-Cal é o que máis suscita a atención do público?

-Posiblemente o carnyx, que é unha trompeta celta da idade de ferro, pero non menos chamativas son as cornas; que por certo dos poucos escritos que hai respecto deste antigo instrumento son precisamente de Silleda. Algúns destes instrumentos son os que se compenetrarán cos que estamos acostumados a escoitar nunha banda digamos convencional; dende un que ten plumas ata uns xuncos que veñen do río Níger. Creo que é un espectáculo que chamará a atención do público asistente e por iso decidimos facer dúas sesións.