Unha paelleira con espectación e multitudinaria en Cortegada

amelia ferreiroa

SILLEDA

rober amado

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis a elaboración da paella de Cortegada (Silleda), cuxa festa gastronómica tivo lugar onte pola noite, contou cun nutrido grupo de «directores de obra» a pe de campo. Ás oito da tarde comezou o aceso do lume, «con leña de laranxo que un ano máis trouxo o cociñeiro Santi Becerra dende Valencia xa que segundo el tempera mellor o lume», explicaba Román Peña dende a organización da festa que nesta ocasión chegou a súa maioría de idade.

Unha vez feito o caldo arrancou o espectáculo de cores de todos os ingredientes precisos para elaborar unha paella cuxo sabor non pon ninguén en dúbida. Nada máis e nada menos que 1.400 quilos de produto para alimentar a 2.300 comensais, «o tope máximo de reservas que collemos». Na inmensa paelleira de 3,50 de diámetro e 60 de altura comezaron a introducirse os 30 litros de aceite, 90 quilos de verduras variadas, 150 de costela de porco, 200 de polo, 200 de mexilóns, sal e 300 quilos de arroz; «todos os ingredientes ben picadiños por parte da organización». A auga, nesta ocasión de Cortegada. «Antes o cociñeiro, que é un máis de nós, traíaa de Valencia pero deuse conta que a auga de aquí é mellor ca deles». Ás dez da noite todo listo. Os comensais nas súas mesas debidamente numeradas con garfos, culleres e vasos biodegradables, pan de Cortegada e unha sobremesa con queixo da Cooperativa Hoxe. E para alixeirar a cea nada mellor que música que continuará esta noite.