Os petos de ánimas no Camiño do Ribeiro en terras trasdezás

Existen outros puntos de interese nese percorrido, como o Carballo de Bueno en Cardigonde e os topónimos


silleda

Chámanse petos de ánimas a unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e son, xeralmente sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio.

A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de se asegurar a propia.

Os petos de ánimas acostuman estar construídos en pedra cunha cruz no alto, polo xeral con imaxes das ánimas no lume do purgatorio e unha figura que as vela( santo, rei ou bispo). Na parte frontal aparece un peto ou hucha para depositar a esmola sendo protexido cunha rella ou un cristal.

Anque no espléndido traballo de Reimóndez Portela, non aparece ningún peto no Concello de Silleda,(Páx. 271) o certo é que nun espazo curto, e situado no Camiño Real temos dous fermosos exemplares de oratorios de almiñas, a saber: o Peto do Marco e o Peto de Cortegada de construción anterior á obra do investigador.

O do Marco ou da Saleta

Tal e como aparece no frente,foi construído no ano 1868 e está situado xusto no lugar do Marco, nunha das encrucilladas máis importantes do S. XIX, cando o trazado ao Carballiño tiña un gran tráfico de mercadorías e o Santuario da Saleta, emprazado en Penadagra desde o ano 1864, gozaba de moita fama, tendo á Virxe como avogada curandeira de todo tipo de males. Precisamente o interior do peto, contén a representación da aparición da Virxe da Saleta en lugar das clásicas ánimas, que estaría pendente de exculpar as penas mediante a oración, pregarias e misas.

O de San Antonio en Cortegada

Esta capeliña de granito da zona, cambiou varias veces de lugar, fixándose definitivamente no sitio que ocupa actualmente. Despois da restauración e limpeza realizada no ano 2017, fóronlle borradas algunhas inscricións que determinaban e daban datos que merecen ser rescatados do anonimato, tal Foi colocada e realizada no ano 1902, época esta na que aínda o camiño real tiña moito trasego, a pesar de que a mediados do S. XIX se rematou a estrada ao Carballiño, substituíndo ao Camiño dos traficantes.

Na cabeceira, debaixo da Cruz, aparecen as iniciais de quen poidera ser o doante ou artista da obra, baixo a inscrición: R M GIL. Rodeando o oco, aparece a palabra LIMOSNA e máis abaixo, SAN SANTONIO; si, así como se le, co «S» engadido.

Ademáis, tal como me informa a colaboradora Raquel Aller. Dentro do fornelo, unha hucha e unha minúscula figura de San Antonio cunha estampa que tapa o que puidera ser unha representación das ánimas do Purgatorio, á espera das esmolas liberadoras.

Destacar tamén que no lugar de Cardigonde preto da igrexa, na coñecida como Carballeira de Tallón, celebrábase todos os anos unha romaría na honra de San Antonio, en aluxión a devoción que se lle profesa ao patrono do mesmo lugar.

O carballo de Cardigonde

Se os camiños ao longo da historia estiveron balizados co elemento pedra nas súas distintas formas, como menhires, pedróns, rochas sagradas, miliarios, cruces, cruceiros e xa na actualidade cos chitos de pedra,caso do Camiño Mozárabe, non é menos a verdade que, o elemento madeira tamén estivo presente como material nobre con toda a simboloxía, desempeñando funcións semellantes.

Mostras do poder de encantamento da pedra, témola aínda coa forza doutrora na Penadauga de Escuadro, que a cotío, e maiormente pola Santa Isabel recibe pregarias e peticións de curamento. Preto do Camiño do Ribeiro, entre o lugar dos Chaos e Montaz, son coñecidas, a Pena Longa, a Pena de Chao de Petos e Pena das Cazolas, cargadas de petróglifos e de misterio.

Máis volvendo a materia madeira, os carballos, tamén as sobreiras e castiñeiros, solían actuar como cruceiros de término ou de sinalamento, ao estaren situados nos lindes entre as aldeas e as parroquias ou nos puntos máis significados.

No caso que estamos a tratar, chaman moito a atención unha serie de monumentos naturais, aínda vivos, cuxa función social ben merece unha especial protección das ameazas e riscos que poden poñer en perigo a súa conservación. Cometimos moitas imprudencias en anos anteriores, por exemplo co carballo de Escuadro, ou coa carballeira da Feira Vella de Silleda, e aínda estamos a tempo de evitar danos irreparables.

Podían asentarse nun solar a beira do camiño, coma é o caso da Sobreira de Penadagra en Siador, catalogada como árbore singular no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, polas súas características de ser un exemplar con idade respetable (500 anos), rareza, significado histórico e cultural.

No camiño de arrieiros aínda quedan mostras de canto estou a expoñer. No lugar de Cardigonde, xusto no trazado real, en plena encrucillada mantense en pé, mal que ben, un soberbio e centenario quercus robur, con maiúsculas, O Carballo de Bueno, sinalador do tramo e indicador do paso por un núcleo de importancia en servicios tal e como nos indica o Catastro da Ensenada en 1752. Non lonxe de alí, en Oleiros, tamén chama a atención o topónimo O Carballo, no mesmo camiño. Debeu ser un exemplar especial que dou nome ao lugar que como denominación permaneceu no tempo.

O mesmo ocorre na parroquia de Laro, co topónimo do Pereiro, indicativo de que nese punto unha árbore especial marcaba o paso do camiño cara ao Ribeiro. Coma no caso anterior, desaparecen as pedras, morren ou talan as árbores, pero permanecen os signos da memoria, os topónimos.

Non me cabe dúbida ningunha pois, de que, en calquera caso, a presenza real destas árbores delimitaban o territorio de cada aldea ou indicaban, e aínda o fan, a existencia dun paso coma noutrora o facían os cruceiros.

Non deixa de ser curioso, que o destino do arrieiro de Trasdeza, no seu camiñar cansino sexa precisamente O Carballiño, despois de pasar polo Carballo de Cardigonde, polo lugar de Carballo en Oleiros e finalmente a través dos Carballiños de Vilatuxe onde esta árbore acada dimensións extraordinarias.

* Quero dedicar ao xornalista Pablo Viz este traballo de divulgación do Camiño dos Arrieiros en Silleda

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Os petos de ánimas no Camiño do Ribeiro en terras trasdezás