Cruceiros no Camiño dos Arrieiros

Nos séculos XVII e XVIII o trazado en Trasdeza foi balizándose destes elementos pétreos para cristianizalo


silleda

O pasado xoves falabamos neste xornal das pegadas no Camiño dos Arrieiros do Viño nas terras de Trasdeza. Hoxe centramos a nosa atención nas principais marcas que permanecen nesta ruta, coma cruces e cruceiros.

Sen poñer en dúbida a importancia do trazado que vai cara ao Ribeiro, posto en coñecemento e debate por autores locais de talla, coma Xulio Carballo, que lle chama Camiño Antigo, ou Manuel Mosquera que o identifica coa romana Via Tectia, o certo é que xa como camiño prehistórico, verea, romano ou camiño real, hoxe en desuso e abandonado, non é menos verdade que este singular vieiro en épocas aínda recentes chegou a ser considerado como arteria fundamental de comunicación co Ribeiro.

Así mesmo, é nos séculos XVII- XVIII cando coa proliferación dos trocos de produtos, foi xalonándose de cruces e cruceiros que serviron para cristianizalo ou para protexer aos viandantes, veciños e arrieiros que o transitaban. Ás veces simplemente servían para sinalizar a rede infraestrutural.

No adro da igrexa de Silleda

Trátase do primeiro e único cruceiro público erguido na parroquia de Silleda. A antiga Exilieta non dispuxo deste monumento relixioso ata o século XX, coa fin de ser colocado, como así foi, na praza da igrexa, no mesmo sitio onde anos atrás estivese colocado un mausoleo dedicado aos caídos, de reminiscencias franquistas. É unha obra clásica tallada en pedra, posiblemente traída do monte do Carrio, cunha plataforma de dous chanzos que soporta un pedestal en forma de cubo e un inxelo varal octogonal que se inicia cadrado. Cun capitel cilíndrico con dous anxos, no anverso da cruz aparece Cristo crucificado coa cabeza cara adiante, mans abertas, coroa de espiñas, tres cravos e o INRI, e no reverso a Virxe das Dores en actitude de pregaria enriba dunha peaña sen máis matiz.

Posteriormente e por comodidade foi trasladada ao emprazamento onde se atopa neste momento, é dicir, dentro do adro eclesial, á beira suroeste da igrexa. Foi custeada pola parroquia, nos tempos do párroco Vidal López Ferreiro, e construída polo escultor lalinense de Alemparte, Vidal Payo entre os anos 1975-1980, autor que foi tamén da talla de Santa Olaia que aparece na fachada principal da igrexa parroquial, por certo, a cal lle falta a coroa que levaba engadida.

No castro de Cortegada

Este elemento, situado preto do Castro de Cortegada, tamén chamado do Cura, dá resposta á definición dun cruceiro, con pedestal en cubo, varal de forma octogonal rematado en punta de frecha cun capitel en ábaco moldurado sinxelo, que serve de soporte dunha cruz latina. Sinalar que botou moitos anos partida ata o ano 2017 en que se lle incorporou a parte que lle faltaba cambiándolle o sentido tal e como está actualmente.

Orientaba coa fronte cara ao este, carece de iconografía na súa totalidade, agás nun santiño tallado en medio corpo como único elemento figurativo, que non identifico con ningunha persoa. Ao decir dalgún veciño, este cruceiro, pertencía á familia dos Tallón de Framiñan, e inicialmente estivo colocado máis adiante no camiño que desde esta encrucillada se dirixía a Aciveiro.

Cruz do Porto

Situado nunha encrucillada, en Cardigonde, este cruceiro, formado cos elementos mínimos, sen plataforma e cun pedestal irregular, é comunmente chamado Cruz do Porto. Con esta denominación é lóxico pensar que estaba colocado nun lugar destinado a cambio de roteiro con tódalas bendicións para protexer aos viandantes, que en moita cantidade transitaban nun pasado aínda cercano.

Polo lugar onde se sitúa, o porto, era o punto xeográfico onde resultaba máis doado o paso de persoas, animais e carros. Segundo o informante Luis Barrera, pertence á Casa do Caminero. Historicamente este lugar era o punto onde tiñan parada as procesións das festas patronais e aqueles traslados das persoas que ían cara á igrexa para logo seren enterrados. O pousadoiro neste caso era no propio chan. Convén informar aquí que na Carballeira de Tallón, celebrábase a romaría de San Antonio.

Orientado o anverso da cruz cara ó camiño, nela aparece a crucifixión de Cristo, coa cara ao frente e coas mans abertas. No reverso dirixido á outra banda do antigo camiño, aparece, a Virxe das Dores, moi simple, máis pequena cá figura de Cristo, e xa cos rasgos que a definen moi gastados sinal da antigüidade da súa realización.

Cruz da Malata de Pazos

Segundo nos comentan no lugar chamado do Cruceiro ou da Cruz, onde se bifurca o Camiño Real en dous, un para seguir calzada abaixo cara a Galán e outro, á dereita, cara ao lugar de Pazos, existiu un monumento de madeira, que caeu e desapareceu, colocándose outro no sitio en lembranza do orixinal pero moito máis pobre, de formigón entubado coa cruz de granito rosa. Neste importante cruce de camiños, os veciños mantiveron o símbolo indicador da boa dirección con este sinxelo elemento, sinal inequívoco da importancia adquirida deste vieiro, tamén chamado do Ribeiro de Avia e que, como nos informa Alejandro Vidueiros, aínda conserva tramos da calzada preto verea abaixo, cara o río Deza.

Cruceiro do Pereiro en Laro

Estamos diante dun cruceiro de factura sinxela situado no lugar do Pereiro, nunha encrucillada, como expoñente do Camiño que nos conduce a A Veiga. De feito, algúns dos informantes identifícao coma o Cruceiro do Camiño, en clara alusión a esta importante arteria. Está conformado por un pedestal cuadrangular, varal octogonal, capitel modulado cuadrado e cruz sinxela sen ningún tipo de imaxes, na liña dos existentes en Cortegada e no propio lugar de Laro preto da igrexa parroquial.

Da súa importancia fálanos o arqueólogo Luis Xulio Carballo cando dí que este cruceiro datado no ano 1771, actúa como terminus ante quem do Camiño de Ferradura sinalizado en mapa por Coello no ano 1856.

As cruces teñen tamén presenza

Sobre as Cruces de Pedra, Castelao, na súa obra exemplar, As Cruces de Pedra na Galiza, distinguíaas claramente dos Cruceiros, dicindo que «abundan as referencias de cruces de pedra, orelando a roita, tanto para cristianizala como para marcala, tanto para confortaren o ánimo dos camiñantes como para guialos con ben». En todo caso, como indica Juan J. Burgoa, trátase de obras da arte popular, cruces camiñeiras dun limitado valor artístico, mais de gran interese etnográfico.

Estas cruces chantadas xa nunha pedra, xa en terra, terían o mesmo significado cás existentes en San Fiz, preto da igrexa ou a de San Marcos no mesmo Margaride, indicando a dirección do Camiño a Compostela. Pois ben, pisando firme cara o Carballiño e voltando ao vieiro de arrieiros, temos dous casos de pedras cristianizadas en forma de cruz. Unha, coa do Castro de Cortegada e outra, a coñecida como o Peto de Oleiros, situado ao pé da estrada, diante de Casa dos Chaos.

Cruz do castro de Cortegada

Recén limpada dos liques, (2017) érguese chantada nunha rocha existente á beira do camiño. Está feita nunha soa peza de granito, de forma octogonal, cunhas medidas aproximadas de 2 metros por 80 cm do brazo, coa particularidade de estar inclinada no varal vertical. Polas súas características e orientación, trátase dunha cruz, non dun cruceiro, que cumpre coa triple función de sinalización do Camiño nunha encrucillada e protección dos camiñantes, cristianización do cruce cun castro preto ( O Castro do Cortegada) e indicación da existencia dunha igrexa próxima.

O pedrón coa cruz de Oleiros

Este elemento do noso patrimonio, situado na parroquia de Oleiros, nun valado privado, responde á teoría da cristianización preconizada sabiamente por Castelao, na súa fundamental e socoorida obra

As cruces de pedra na Galiza

. Trátase dunha cruz moi rústica na súa concepción, situada enriba dun gran pedrón toscamente tallado, na cara orientada cara ao norte, cunhas insculturas e unha inscrición no seu interior, ODORO?, de difícil tradución e significado. O que ninguén pón en dúbida é a súa antigüidade e a intención de sacralizar ou cristianizar esa base coa cruz superposta.

Como detalle significativo da ubicación comentar que mesmo nesa zona, márcase o límite da parroquia de Oleiros coa de Cortegada. Non debemos tampouco esquecer que estas grandes pedras serviron ao longo dos tempos como cruces de término. Contan que nunha ocasión quixeron trasladar o pedrón á Casa de Cantón, situada no lugar da Marza, pero era tan pesado que descompuxo o carro onde o intentaron cargar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cruceiros no Camiño dos Arrieiros