«Probablemente fomos pioneiros en apostar polos intercambios»

Amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Forma parte do grupo de músicos que viviu o nacemento do festival de bandas na vila

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañán luns estará de aniversario. Fará trece anos que vive en Silleda. Séntese a gusto no pobo onde formou unha familia e conta cun bo puñado de amigos pero, malia a todo, remacha: «Son de Baio e así o digo cando me preguntan». Irene Fuentes Castiñeira compaxina a súa profesión de profesora de Primaria en Codeseda coa música, ao que hai que engadirlle as tarefas cotiás do fogar que comparte con Manolo Vidueiros e as súas dúas fillas. Tempo libre? Un ben prezado!

-De Baio (A Coruña) a Silleda. ¿Como se deu tal cambio?

-Estaba facendo maxisterio musical en Santiago e alí coñecín a Manolo (Vidueiros). El xa estaba na Banda de Silleda e convidoume a vir aquí a probar. E aquí sigo (risas).

-Entendo que xa formara parte doutras formacións.

-Comecei gaita e logo clarinete no conservatorio de Carballo, que era o que tiña máis cerca da casa, e tocaba tamén na banda de alí. Ao comezar maxisterio en Compostela ía alí tamén ao conservatorio ata que viñen para a Banda de Silleda.

-De que ano falamos?

-Do ano 1994. Lémbrome que os ensaios tiñámolos encima do bar Toxa e Ángel Presa Carrera era o noso director.

-A formación bandística celebra precisamente hoxe as súas vodas de prata. Vintecinco anos de vida pero, ¿que impresións garda daqueles primeiros ensaios coa banda?

-A verdade é que me gustaron moito. Había moita disciplina, os músicos estaban moi atentos e a xente quería aprender a mellorar. Impactoume. Era outra dinámica moi diferente á que eu coñecía de Carballo onde tiña máis forza a música tradicional que a bandística.

-Argumentos suficientes para formar parte dun proxecto musical do que vintecinco anos despois quedarán poucos membros, ¿non?

-Poucos. Daquela formación penso que só quedamos unha ducia. Xa pasaron moitos anos pero eu sempre me sentín moi ben acollida por todos. A verdade é que é unha banda e un pobo que acollen moi ben aos músicos.

-Como era a Banda de Silleda do ano 1994?

-Eu chegaba cunha referencia que era o funcionamento da Banda de Carballo e pareceume que a de Silleda estaba moi ben. Foi cando se puxo en marcha o Festival de Bandas que era algo totalmente novidoso por aquel entón, brotaron iniciativas diferentes e iso nos ilusionou creo que a todos. Ao festival veu a Banda de La Gineta (Albacete) con quen fixemos un intercambio e os albaceteños quedáronse nas casas dos músicos de Silleda... Foi un intercambio fermoso e moi enriquecedor. Non era nada habitual facer algo así naqueles tempos, e probablemente fomos dos primeiros en apostar polos intercambios. Supuxeron ver o nivel musical doutras bandas, outro xeito de pensar e tamén; hai que dicilo, a posibilidade de viaxar que tampouco era algo habitual daquelas e todo grazas á banda. Os intercambios nos motivaban para mellorar nós mesmos.

-Que mudou nestes vintecinco anos de traxectoria?

-A banda é moito máis esixente que antes. Hai que dedicarlle máis, os ensaios son moi importantes e se perdes un só xa non colles ben o fío. É unha aprendizaxe continua. Pensemos que antes na banda eran ensaios para o repertorio que se tocaban nas festas e esixían menos... A Banda de Silleda, como moitas outras, actuaba nas festas e pouco máis pero todo cambiou nese ano 94. A partires de aí xa falamos dun repertorio máis complicado e variado e un cambio drástico no que se refire ás actuacións.

Certame de Valencia. É a gran cita musical que está preparando a Banda de Silleda, «cun repertorio moi complicado pero no que lle poñemos empeño e moita ilusión».

Tocar coas súas fillas na banda. É un dos desexos de Irene cuxas fillas tocan a trompa e o clarinete.

«O director Octavio Más marcoume tanto musical como persoalmente»

Compaxinar profesión, familia e paixón pola música non é doado. Que llelo pregunten senón a quenes están nese caso coma Irene. É a primeira en recoñecer que non é fácil e que mesmo pasou por algunha etapa complicada.

-Teño dúas nenas e atender a todo custa e moito. Nos embarazos deixeino e logo retomar a pauta é difícil... pero non deixas algo que che gusta por un cambio na túa vida. É cuestión de organizarte pero certo que ten que gustarche moito para facelo.

-Un clarinetista precisa de algo especial?

-O clarinete ao principio é agradecido xa que soa ben pero é eminentemente esixente na súa técnica. É unha evolución continua de aprendizaxe e de estudo, sobre todo no repertorio. Require de moito ensaio. Persoalmente adícolle unha media hora diaria ao ter que preparar clases e atender a casa, pero admitiría moito tempo máis.

-Que lle aporta estar na formación bandística?

-Apórtame moito dende o punto de vista musical, complicidade cos compañeiros, bo ambiente e as miñas mellores amigas están na banda.

-Algún director deixoulle fonda pegada?

-Lémbrome con cariño de Ángel Presa por ser o primeiro director que tivemos na Banda de Silleda, de Octavio Más-Arocas que na actualidade está en Estados Unidos e que me marcou tanto musical como persoalmente e por suposto Rafael Agulló, o actual director que creo que está facendo un excelente traballo.

-O mellor e o peor?

-O mellor as instalacións. Son espectaculares grazas ao apoio das administracións e o peor os momentos tristes vividos na banda polos pasamentos de Luis Rodríguez e David Salgueiro. Son feitos que non logras superar.