Bandas e colaboración con Sogaps no festival de Silleda

amelia ferreiroa

SILLEDA

miguel souto

29 abr 2018 . Actualizado a las 00:30 h.

O Festival de Bandas de Música de Silleda celebrará hoxe no auditorio da Semana Verde, a partires das 17.30 horas, as súas vodas de prata. Vintecinco anos dunha iniciativa musical que se conmemorará coa participación da banda lusa de Gondomar, a de Vilatuxe (Lalín) e a anfitriona que interpretará os temas que levará o próximo 21 de xullo ao Certame de Bandas de Valencia. Un repertorio no que a formación leva traballando «mes e medio e de maneira moi dura», segundo apuntou o presidente da Banda de Silleda Herminio Gómez, ao tratarse dun dos máis prestixiosos certames do mundo bandístico a nivel mundial.

Un festival de bandas que terá tamén unha parte solidaria ao encadrarse dentro das actividades do sexto Mes de Axuda ao Pobo Saharaui que promove Sogaps e que se celebran no municipio silledense. «Todos os que veñan ao festival poderán colaborar na medida das súas posibilidades con Pablo (Romeo) e coa asociación». Os asistentes mesmo poderán ollar unhas proxeccións sobre o traballo que leva a cabo Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) e o seu programa máis coñecido na comunidade que é Vacacións en Paz.