«Nos espazos queimados hai que xerar cubertas protectoras do solo»

Amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

rober amado

Sementar ou plantar árbores nas zonas afectadas polos incendios non é práctica axeitada

12 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A terrible vaga de incendios que asolou Galicia no pasado outubro deixou 42.400 hectáreas arrasadas, das que 18.700 corresponderon a Pontevedra. O municipio de Silleda, especialmente as parroquias de Siador e Cortegada, tamén foi obxecto da actividade delituosa incendiaria. Da situación que presentan os terreos queimados e das recomendacións respecto dos seus usos fixo un amplo informe a enxeñeira técnica forestal cruceña María José Vilas Lorenzo, que traballa actualmente no Concello de Silleda a través dun Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra.

-Os incendios do mes pasado supuxeron entendo un cambio no seu traballo cotiá, ¿cal foi a súa actuación ao respecto?

-Salientar que comecei a traballar o 1 de agosto deste ano no Concello de Silleda co obxectivo de localizar e facer un inventario de todas as fincas pertencentes ao termo municipal para posteriormente facer unha ordenación de montes naqueles predios que son forestais coa intención de cumprir a lei 7/2012 de Montes de Galicia, a cal obriga a todos os montes a dotarse dun instrumento de ordenación ou similar. Entón, como dicía previamente, estaba a elaborar os informes do inventario das parcelas do concello e os incendios supuxeron unha maior carga laboral. A primeira actuación foi a visita das zonas queimadas para poder avaliar os danos ocasionados e coñecer a extensión dos mesmos. Ademais, ver que actuacións se poderían levar a cabo en cada unha das áreas segundo o seu nivel de afección.

-Vivira unha situación desa índole con anterioridade?

-A miña experiencia previa era principalmente na extinción dos lumes pero como enxeñeira técnica forestal é a primeira vez que me enfronto ás labores posteriores dun incendio.

-Que avaliación de danos se extrae do traballo de campo levado a cabo?

-Os danos ocasionados pódense observar por un lado a nivel ecolóxico, onde o deterioro da paisaxe é evidente, a cal vamos tardar moitos anos en recuperar. Por outro lado están os danos sobre os bens materiais, como foi o caso da granxa avícola na que ardeu a edificación coa conseguinte perda de 10.000 polos e o cerramento dunha granxa de porcos en Siador. Ademais un veciño de Cortegada sufriu as consecuencias na súa vivenda e a axplotación de gando vacún xa que foron danadas as tubaxes da traída de auga que abastecía ás edificacións e tamén perdeu 70 novelos de herba que tiña almacenados para dar de comer aos animais no inverno.

-Como quedaron as zonas afectadas?

-A situación varía segundo as zonas. Hai áreas nas que afectou con maior severidade calcinando todo ao seu paso, tanto o mato como o arborado completo; e áreas nas que o lume tivo un nivel de severidade máis baixo, queimando principalmente matogueira e en menor medida as copas das árbores.

-Son aconsellables actuacións de sementeiras ou plantacións?

-Agora mesmo non ten sentido sementar ou plantar árbores porque o que se precisa é xerar unha cuberta protectora do solo antes de que se produzan as intensas choivas invernais e coa plantación non se conseguiría esta capa. Ademais, a maior parte dos terreos son de propiedade privada e deberíase solicitar permiso aos seus titulares para calquera actuación sobre eles.

-Falar de rexeneración de espazos queimados é complexo?

-Moi complexo. Dependerá da severidade coa que afectou o incendio ao solo.

Bombeira forestal. Cursou o ciclo superior de Xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos, traballou catro campañas como bombeira forestal na extinción de incendios.

Colaboracións. En traballos de campo e laboratorio no departamento de produción vexetal da Politécnica de Lugo.

«Inquiétame a contaminación e a perda da biodiversidade»

A primeira actuación que se levou a cabo despois dos incendios foi a reposición das tubaxes da traída de auga do veciño que se veu afectado e as seguintes, explica María José, centraranse na limpeza e o acondicionamento dos camiños afectados.

-E o monte?

-Debido á súa estrutura de minifundismo fai moi complicada a tarefa de identificación dos propietarios e que se poñan de acordo coas actuacións a levar a cabo. O ideal teórico sería esperar que caese a folla para crear unha capa de mulching que protexa o solo, deixar brotar as árbores de forma natural e nas zonas onde isto non se produza facelo de forma manual. Está caendo folla, empezan a brotar especies herbáceas o que indica que a rexeneración natural comeza a producirse.

-Como enxeñeira, ¿que é o que máis lle preocupa deste feito?

-Os incendios non son feitos aillados e inquiétame o futuro que lles estamos deixando ás próximas xeracións a nivel ecolóxico como é a perda da biodiversidade, de flora e de fauna que queda atrapada no medio dos incenidos, a perda de solo produtivo e a posible contaminación das augas pola arrastre das cinzas.

-Menos eucaliptos e máis carballos e castiñeiros?

-Tanto o eucalipto como as frondosas non arden por si soas. Pero aínda así, si que se debería fomentar a plantación de especies autóctonas fronte ás alóctonas como é o caso do eucalipto. Habería que controlar máis onde se están a plantar e non facer monocultivos con esta especie, xa que os estudos indican que consome importantes cantidades de auga debido a súa alta taxa de evapotranspiración e provoca cambios nas propiedades fisicoquímicas do solo producidos pola súa demanda nutricional.