«A xubilación é ser dono do teu tempo e tratar de facer o que gusta»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

A pintura e a escultura gañan dende agora máis protagonismo na vida de José Antonio Fondevila, quen fora durante 32 anos o electricista do Concello de Silleda

07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Luces, moitas, e sombras; «algunhas que tamén as houbo como en todos os traballos», se leva José Antonio Fondevila García (Fiestras-Silleda) dos seus máis de trinta anos como electricista do Concello de Silleda. Dende o pasado 20 de agosto disfruta dunha etapa máis sosegada e serena: a xubilación que mira de frente, con entusiasmo e co desexo de «ter máis tempo para pintar, esculpir, viaxar e disfrutar da familia e dos amigos».

-¿Como se conxuga electricidade e pintura?

-Moi ben... Dende cativo gustábanme as cousas técnicas e comecei facendo electrónica por correspondencia pero xa tiña tamén interese pola pintura e fixen algunha cousa daquela que seguramente se rebusco aínda atoparei pero logo veu a mili, que fixen en Madrid, e alí asistin a un curso de electricidade industrial que me interesou moitísimo. Aí foi o meu principio da profesión e de feito querían que me quedase na escola en Madrid de profesor pero tiven que renunciar á oferta por circunstancias familiares e voltei para Fiestras a traballar coas vacas. Foi unha renuncia que me doeu profundamente.

-Volta a Silleda con coñecementos suficientes e monta a súa propia empresa.

-Así é. Fundei unha empresa que mantiven, malia que non traballei nela unha vez me fixen coa praza de electricista no concello despois de aprobar a oposición á que nos presentamos creo cunha media ducia de persoas.

-Chegou ao concello no 1985, ¿tocoulle traballar con moitos alcaldes e corporacións distintas?

-Entrei no concello cando estaba Casimiro Fernández e logo estiven nas etapas de Juan José Salgueiro, José Fernández, Paula Fernández -nas dúas veces que estivo na alcaldía-, Ofelia Rey e nos últimos anos con Manuel Cuíña. Seis alcaldes e moitas máis corporacións...

-¿Cales eran os principais traballos que se acometían naqueles primeiros anos?

-Básicamente era facer mantemento do que había e realizar instalacións. Eran anos en que había menos instalacións pero estaban en pésimas condicións. No rural xa estaban instaladas farolas pero non en todas as parroquias, os postes eran todos de madeira e os cables estaban desnudos.

-¿En que momento se cubre con alumeado todas as parroquias do rural silledense?

-Non penses que pasaron moitos anos... Posiblemente sexan uns dez anos. Antes xa había alumeado pero non completo, en todos os sitios como é o caso agora. Eran lámpadas normais e de vapor de mercurio que duraban máis e eran de máis rendemento. Daban máis luz.

-O do aforro enerxético chega bastante máis tarde.

-Bastante máis. Elaborei no seu momento un plan de aforro para todo o municipio e penso que deu resultados positivos e tamén se creou unha base de datos do sistema eléctrico municipal que, a xuizo de varios técnicos, é superior a unha auditoría. Aí está no concello e espero que lles serva e sobre todo a Fernando Rodríguez que estivo traballando conmigo nos últimos anos e é quen está con todo o tema eléctrico agora.

-Antes de ir á mil xa pintaba e nunca o deixou.

-Nunca. Fixera un curso a distancia, becado polo Ministerio de Información e Turismo que presidía Manuel Fraga, e a primeira exposición en Lalín no 93 foi o que me empurrou a pintar máis en serio.

-Recén xubilado como está, ¿adicará máis tempo á arte?

-A xubilación é, dende o meu punto de vista, ser do dono do teu tempo e tratar de facer o que gusta polo que seguro que pintarei, esculpirei e viaxarei máis.

Inicios. As obras primixenias foron elaboradas en cartón, tabla e lenzo.

Descubrindo a escultura. No 2013 comeza a esculpir. Afición que mantén.

Espazo e Tempo. É a serie na que traballa. Prepara obra para a Bienal do Eixo Atlántico.