De Rusia a Silleda con amor... polo galego

P. V. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Fala con soltura total despois de empezar en Moscova con clases, autodidacta e prácticas en Euskadi e cos silledenses

16 jun 2017 . Actualizado a las 12:58 h.

Dilara naceu hai 22 anos, nun país algo máis pequeno que España, a 7.500 quilómetros, a carón de Afganistán: Uzbekistán. No periplo de vida, os 8 anos chegou a Rusia, e séntese rusa. Onte departiu cun grupo de alumnos de 4º da ESO do Pintor Colmeiro en Silleda coordinado polo mestre Xesús Cociña que coñeceu a súa presenza na zona e fichouna puntualmente para a conexión co alumnado. Porque Dilara Khudaibergenova chega a Silleda desde Rusia nunha longa viaxe por amor a lingua galega. Aí estaba o gancho para o Departamento de Galego do IES. E acabaron onte a tarde contándose historias de cada país e hasta a agasallaron cun baile tradicional.

Cómo alguén nado na Asia profunda pode falar tan ben o galego? Explícao Dilara con soltura total. «Comecei a estudar galego en Moscova...» Unha profesora fixo cursos e enganchouse. Nun proxecto formativo sobre comunidades españolas tocoulle Galicia. «Interesoume a cultura, o idioma, a profesora díxome que me podía dar clases...»

Tanto se enganchou que pasou a ler libros, e a unha etapa autodidacta. Logo, en medio ano de Erasmus en Euskadi estivo ligada o galego en Vitoria. Superou exames e quedáballe algún tempo... «e para practicalo decidín vir a Galicia e, grazas a asociación de aquí con un programa, botei cerca de dez días en Silleda, en Graba, colaborando nunha granxa».

Lembra que en Rusia coñecía verbas de euskera e catalán pero «nada de galego, e decidín que era bo saber algo doutra cultura que mestura cultura celta, a dos romanos, un idioma que, a diferenza doutros alá, distintos do ruso, ten conexións co español..»

A viaxe a Galicia preparouna. Sabía que había problemas na situación sociolingüística «que non estaba moi ben, pero aquí en Pontevedra e en Silleda aínda non escoitei castelán, e alegroume moito por poder practicar e por ver que a xente o fala».

Está tan enganchada que cando retorne a Rusia espera poder promover accións pro galego, colaborar coa asociación Rosalía de Castro en Moscova, manter conexión co IES Pintor Colmeiro...».

Mentres, levase todo o calor dos estudantes silledenses e o contraste observado Galicia-Rusia: «Teñen cousas en común, moita diversidade, cultura, linguas distintas. Levo unha experiencia moi boa». E, de paso, recomendou visitar Rusia?: «Claro», di rotunda Dilara, que xa retorna coa mochila do galego cargada.