«Que haxa 107 castros catalogados na zona é un dato que estraña ao público»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

O centro naceu para divulgar e poñer en valor o patrimonio cultural da comarca do Deza

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nosos antepasados da Idade de Ferro escolleron o territorio da comarca dezá como un lugar óptimo para vivir e aquí se foron establecendo en diversos asentamentos permanentes e monumentais. É o que coñecemos como castros. Con eles xermolou unha organización nova do territorio e un outro xeito de entender o mundo que foi perdurando no tempo deixando unha fonda pegada, aínda pouco coñecida na actualidade. Co gallo de dar a coñecer precisamente esa pegada púxose en funcionamento CastroDeza que nos abre as portas á nosa rica historia da man de Ana Isabel García Dobarro (Laro-Silleda) que exerce de monitora-guía do espazo.

-¿Que é pois exactamente CastroDeza?

-É un espazo museográfico que está orientado á divulgación e á posta en valor da cultura castrexa, as súas lendas e á gastronomía; onde as novas tecnoloxías da información e a comunicación se poñen ao servizo do patrimonio cultural que atesoura a comarca do Deza.

-¿Que atopamos no mesmo?

-CastroDeza compónse de catro espazos: un que está adicado aos castros que existen na comarca, dous espazos nos que se pode disfrutar das lendas que conforman o patrimonio intanxible da comarca dezá, e un último espazo que está centrado na gastronomía. Neste último é onde se descobre que e como comían os nos antepasados, os castrexos; ademais de coñecer os produtos e as festas gastronómicas que temos na contorna e onde facemos fincapé especial na celebración da Feira do Cocido de Lalín, que está declarada como Festa de Interese Tutístico Nacional.

-¿Que empurrou a entrada en funcionamento de CastroDeza?

-É preciso salientar que este centro é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e que forma parte do proxecto DepoDeza o cal promove un desenvolvemento socioeconómico equilibrado e sostible da comarca do Deza. CastroDeza traballa de xeito coordinado co Centro de Xestión e de Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) que se ubica no Pazo de Liñares, en Lalín. Digamos que ambos espazos funcionan coma unha extensión do Museo de Pontevedra. De feito CastroDeza conxuntamente coa actuación desenvolvida nas salas de arqueoloxía do Museo de Pontevedra conforman o denominado Centro Virtual da Cultura Castrexa. É un centro que permite experimentar a cultura castrexa dun xeito diferente.

-¿O público en xeral posúe coñecementos respecto dos castros?

-A gran maioría da xente é coñecedora da existencia dalgún castro, pero que haxa 107 catalogados na zona é un dato que lles estraña moito. Normalmente pensan que hai moitos menos dos que realmente se manteñen na actualidade. Logo coñecemento sobre a cultura castrexa tampouco é excesivo.

-Aí é onde entran as visitas guiadas que organizan e que permite ampliar coñecementos. ¿Abertas a todo tipo de público?

-Claro. Son para todo tipo de público, dende grupos escolares a asociacións, familias, parellas... As visitas guiadas sempre se adaptan ás idades dos visitantes. Lóxicamente se se trata dun visita con cativos hai que usar unha linguaxe máis sinxela e non saturalos de contidos. O obxectivo é estimular a súa imaxinación e curiosidade para que descubran como era o modo de vida dos nosos antepasados hai miles de anos. As visitas guiadas poden completarse logo cunha serie de obradoiros que se ofertan dende CastroDeza, que por suposto se adaptan tamén perfectamente ás idades dos participantes na actividade.

«Traballamos na elaboración de cursos sobre oficios antigos e tradicións»

O centro CastroDeza, que está en funcionamento dende novembro de 2016, acolle habitualmente a grupos de escolares que se introducen na vida castrexa a través dos obradoiros que se ofertan.

-Temos os obradoiros de guerreiros de Deza, o laboratorio castrexo, outro que se chama alumea no poboado, fusaiola e liño e o bosque animado.

-¿Cal é a argumentación de cada un deles?

-No dos guerreiros tratamos de amosar como era a indumentaria habitual na Idade de Ferro e os elementos que compuñan a panoplia propia dos guerreiros. Despois os cativos teñen a oportunidade de elaborar con diverso material unha das armas fundamentais que todo guerreiro castrexo debía ter que era a caestra. Na aula didáctica do laboratorio ensinamos que o realmente importrante son os obxectos como fontes de información, pequenas pistas que agochan a historia de persoas que viviron moitos anos antes ca nós. É un obradoiro que permítelle aos escolares comprender a importancia do traballo arqueolóxico e da conservación do noso patrimonio. No obradoiro de alumeado incidimos sobre as técnicas prehistóricas para lograr facer lume; existe a opción tamén de adentrarse no traballo con teares ou crear con material de refugallo e elementos vexetais unha paisaxe propia.

-¿Que é o que máis espera o interese dos cativos?

-O que máis lles atrae é a mesa interactiva na que aparecen os 107 castros catalogados e, ao ser táctil, poden usala eles mesmos e iso resúltalle moito máis divertido á hora de aprender.

-Vindeiros proxectos...

-Traballamos na elaboración e deseño de diferentes cursos sobre oficios antigos, tradicións ou cultura vencellados á comarca.