Un novo achado de petróglifos na parroquia de Ponte

daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

O inventario de estacións rupestres do municipio de Silleda vese de novo incrementado

17 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O inventario de estacións rupestres do municipio de Silleda vese de novo incrementado co achádeo de novos petróglifos inéditos nas inmediacións do lugar de Rosende pertencente a parroquia de Ponte. Os veciños Diego Frade Amil e Pablo Santomé Souto, que levan anos procurando e estudando a historia e o patrimonio destas terras da ribeira do Deza, localizaron na paraxe de A Torre un cotarelo rochoso con máis de medio cento de cazoletas e coviñas de distintos tamaños. E posible que haxa mais cubertos polo mato e os liques desta peneda que mide mais de 30 metros cadrados da que mais da metade foi tronzada tempo atrás para extraer pedra de granito para cantería.

O penedal que ben puido ser usado polos antigos habitantes do país coma altar rupestre achase a uns 50 metros do regato da Gouxa, preto dunha antiga pontella de pedra agora ampliada en formigón, que servía de paso xunto a un vao para o camiño real que atravesaba estas terras. A tradición oral da parroquia fala da existencia neste lugar dunha torre medieval e nas inmediacións atopáronse restos de cerámica e tellas. Na outra banda do río atopase a coñecida coma casa da Picota, un bo casal rehabilitado fai pouco polos seus actuais propietarios, onde seica en tempos remotos había prisión e se axustizaba a quenes andaban fora da lei.

Na parroquia non se rexistraran deica o de agora achédeos de petroglifos nin se teñen catalogado castros. Por el contrario localizáronse tres mámoas no Monte das Mamuiñas de Rosende que foron catalogadas pero por desgraza só unha delas permanece alí. Tratase dun túmulo da Idade de Bronce de uns 32 metros de diámetro e que as labores agrícolas deixaron con pouco mais dun metro de altura. No Agro dos Castros de Meixomence tamén había unha mámoa pero foi arrasada. Os petróglifos mais próximos atopámolos en A Pena de Breixa e Couto de Trasfontao arriba de Taboada, parroquias nas que tamén hai senllos castros e algunhas mámoas así coma nas de Vilar, Ocastro e Silleda.

Restos da antiga igrexa

Atendendo o aviso dos nosos colaboradores ademais dos petróglifos referidos, tivemos ocasión de ollar o lugar que ocupou a antiga igrexa parroquial en O Agriño na paraxe coñecida coma O Sino non lonxe da Aldea Grande dende a que se observa fermosa panorámica das terras de Cruces e Lalín presididas por media ducia de igrexas e capelas dende a de A Madanela deica a de Noceda e polo medio as de Anzo, San Pedro e Santa Baia de Losón e o célebre Santuario do Corpiño.

Da antiga igrexa só queda o valado que pechaba o adro e varias buratas feitas para levar a cimentación e os sartegos para a nova que se rematou no ano 1906 e que foi construída sobre unha antiga capela e que garda interesantes retablos e imaxes, algunhas delas procedentes do mosteiro de Carboeiro i en cuxo adro pode ollarse unha oliveira centenaria. Algún dos sepulcros da vella igrexa leváronos os veciños para as súas casas para úsalos coma pías coma un que ollamos na Aldea Grande, onde tamén se atopa nun valado unha interesante lousa cunha cruz de Malta gravada que da fe da presenza dos cabaleiros templarios e da súa pertenza a poderosa Encomenda de Beade e o Arcebispo de Santiago e que antes foran dos mosteiros de Carboeiro e Ansemil segundo ten referido Diego Frade nalgunha publicación.

Para rematar queremos felicitar aos amigos Diego e Pablo polo seu achédeo, agradecer publicamente a continuada colaboración que nos veñen prestando e animalos a seguir na procura das pegadas que deixaron os seus antepasados nestas terras que pouco e pouco van saíndo a luz en han de permitir máis adiante artillar unha ampla historia parroquial.