Quo vadis? Castro de Toiriz

xulio carballo arceo SILLEDA

SILLEDA

Toxos, herba e mato enchen espazos patrimoniais como o Castro de Toiriz e a mámoa da Chousa Nova

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun ver o castro de Toiriz o pasado mes de xuño, pero non estaba cortada a herba e o mato. Pensei que quizais ao goberno municipal de Silleda, despois dun ano, aínda non lle dise tempo de organizarse e mandar persoal a limpar a vexetación, conforme facían hai poucos anos o goberno municipal do PP, e tamén o concelleiro do BNG cando tivo responsabilidades de goberno no bipartito silledense.

Autorización dos propietarios

Volvín a finais do mes de xullo a ver se xa limparan o castro, logo de que o Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz lles entregase ao Concello a autorización dos propietarios dos terreos para limpar o castro, como esixiran. Daquela, os responsables municipais, nun exercicio de sensatez política e de racionalización do gasto público, dixeran que era mellor esperar un pouco, porque xa a Deputación de Pontevedra ía rozar e limpar o castro dentro do proxecto de intervencións arqueolóxicas en castros da provincia. Desta vai, por fin!, pensaron algúns.

Volvín ao castro logo de mediados do mes de agosto para comprobar se xa o limparan. Tamén visitei a mámoa da Chousa Nova, na parroquia de Abades, o día da celebración da Festa da Empanada na Bandeira. Pero a mámoa tampouco fora habilitada para a visita pública. Os toxos e o mato enchían o espazo delimitado e impedían a visita ao túmulo prehistórico e á cámara funeraria central. Cinco mil anos de historia estragados, pola desidia. E digo isto, porque foi o goberno municipal de Silleda, do mesmo signo político co actual, con bo criterio ?hai que dicilo-, quen lle pediu a Patrimonio e a Adif que reconstruíran a mámoa, despois de que fora escavada polos arqueólogos, como consecuencia de verse afectada pola construción dun falso túnel para o tren de alta velocidade. Así se fixo; pero o Concello de Silleda non tivo o mesmo interese en manter e conservar o espacio todos os anos, funcións que lle corresponden.

Toiriz e Mr. Marshall

O castro de Toiriz, en cambio, agardou pola chegada do Mr. Marshall ?chámese Deputación Provincial, chámese Ministerio de Fomento?, cos seus plans millonarios para unha vintena de castros e xacementos romanos da provincia; pero o Mr. Marshall ten os seus plans e os seus obxectivos, cuns tempos que non teñen que coincidir necesariamente cos que se precisan con urxencia na conservación do patrimonio cultural. Vai pasar agosto, e o castro segue a dar unha imaxe deplorable, non só porque a herba e o mato estean sen cortar, senón porque tamén os paneis informativos precisan dunha limpeza e os bancos e soportes das lendas populares, que forman parte da cultura galega inmaterial, requiren dunha reposición, posto que están rotos ou moi deteriorados. O castro non merece dar unha imaxe de abandono tal, e si de espazo de lecer e de cultura, coa que foi concibido e financiado con fondos públicos europeos e privados ?Colectivo pola Recuperación do Castro de Toiriz e de moitos veciños da vila de Silleda e do lugar de Toiriz?. Meréceo, non só polos turistas que visitan o xacemento arqueolóxico ?que imaxe levarán consigo?-, senón sobre todo polos silledenses residentes e aqueles que regresan uns días a súa terra natal polo verán.

Dos eloxios ao proxecto ao abandono por quen prometera a súa conservación

Agora poderán limpar o castro, o Concello ou o Mr. Marshall. Sexa en boa hora, pero saiban que xa é tarde, xa ofreceron un imaxe nefasta diante dos visitantes que nos meses de verán se achegaron ao castro.

Hai xa máis dun ano un arqueólogo asinou un artigo titulado David e Goliath, nun blog colgado do xornal dixital Praza, no que celebraba a intervención que se realizara no Castro de Toiriz. De novo, escoitei nun curso de verán organizado o pasado mes de xuño en Muras (Lugo) pola Universidade de Santiago, ao que fora convidado o colectivo silledense, de boca dun arqueólogo portugués, que o de Toiriz é un proxecto «cos pés na terra», non como outros fantasiosos aos que nos teñen acostumados certos políticos e técnicos.

Triste, moi triste, é que uns gobernantes municipais que levaban no seu programa electoral a conservación e potenciación do Castro de Toiriz, non teñan investido nin un euro na súa conservación, nin se preocuparan o máis mínimo por dar unha imaxe de prestixio e de continuación dun labor iniciado polo mencionado colectivo, con moitos esforzos, e que resulta un caso exemplar en Galicia.

Un espazo que non pode morrer

Non deixen morrer de novo un espazo moi querido polos silledenses, aínda que tan só sexa porque futuros votantes, hoxe nenos e adolescentes ?usuarios do espacio do castro?, non llo teñan en conta.

E, mentres tanto, o castro de Toiriz e a Mámoa da Chousa Nova seguen estando no abandono. Ogallá que o Sr. Marshall chegue con diñeiro millonario; pero, o Concello non debe esquecer, que o ano vindeiro e sucesivos non haberá novos señores Marshall, que lle saquen as castañas do lume.