«O proxecto baséase en percorrer o camiño con meditacións pola paz e concertos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

O encontro, con participantes de varios países, centrarase mañán en visitar puntos de Silleda

21 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A empresa Bioturmalina promove «A Voz do Camiño», un proxecto que conta no seu itinerario cunha xornada a desenvolver mañán en Silleda. Dulcina Gómez é a responsable desta iniciativa.

-¿Que é «A Voz do Camiño»?

-Bioturmalina é unha asociación prestadora de Benestar Social dende a que creamos actividades para potenciar a saúde e o benestar e protexer a natureza. Este proxecto naceu dunha realidade de contacto co artista Ravi Ram e pensamos que sería fantástico unir o son co camiño, que podería ser mesmamente algo con efectos sanadores. O proxecto baséase en percorrer o camiño con meditacións pola paz e concertos. Queriamos comezar en Ourense pero eran moitos días para o grupo e tendo en conta que son de Silleda, que a miña familia vive en Silleda e que levo a vila no corazón, fun inclinando a balanza para comezar aí.

-Pero primeiro xúntanse en Santiago.

-Xuntámonos en Santiago xa que vén xente de Italia, Francia e de España pero logo partiremos de Silleda. O día 22 imos adicalo a estar en Carboeiro, nas cataratas, faremos o Sendeiro do Deza e iremos á Saleta onde nos acollerán os pais saletinos e alí teremos ese concerto pola paz.

-Con aportacións voluntarias para fins solidarios...

-Son concertos con doazóns conscientes que irán a beneficio da Fundación Mensajeros de La Paz, do Padre Ángel, que se destinarán aos nenos que non teñen fogar e dificultades para alimentarse axeitadamente e tamén contaremos cunha voluntaria da Fundación Punarnava Ayurvedic Trust que se fará cargo das axudas que se fagan para esa causa. É unha fundación que traballa cos nenos de Nepal que se quedaron sen casas. Ao longo de todo o camiño haberá actividades de contacto coa natureza e con eses concertos. É unha experiencia única de viaxe interior a través dos sons, para dialogar por algo tan fundamental como é a paz e para estarmos conectados coa natureza.

-¿Cantas etapas teñen programadas?

-Despois de estarmos en Silleda iremos ata Ponte Ulla onde logo, na igrexa de Gundián, celebraremos o segundo concerto de música sacra e entraremos a Santiago o día 24 onde pola noite terá lugar a meditación pola paz no Convento de San Francisco e, ao día seguinte, desprazarémonos ata Fisterra. Finalmente o 26 de xullo ao mediodía será cando celebraremos a danza pola paz na Praza da Quintana.

-Asistirán xentes de varios países, ¿cal foi o medio de promoción desta iniciativa?

-A chamada foi a través das redes sociais e funcionou.