«Estou moi contento pola disposición dos músicos para seguir medrando»

P. V. LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

«Atopeime con unha xente que ten gusto polas cousas ben feitas, e no primeiro ensaio tratáronme coma un veciño»

05 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

José Lodeiro Gesto é o novo director da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira. Aínda que naceu en Oviedo é galego residente histórico en Santiago. Ten 42 anos e no seu amplo currículo formativo e profesional cabe citar a faceta de director nas bandas de música Isabel II de Touro, na de Castrelo de Cambados, na Sinfónica Intercomarcal, na de Melide, na Coral Polifónica de San Miguel de Agros e na Recreativa e Cultural de As Pontes.

-¿Como chega a A Bandeira?

-Informáronme varios amigos de que o anterior director deixaba o cargo e buscaban relevo. Falei con eles é pedíronme currículo. Finalmente entre outras moitas persoas que tamén mandaran currículo ou pensaban eles decidiron contar comigo a pesar de non coñecerme de nada.

-Xa iniciou os ensaios, ¿como ve esta agrupación?

-Todo o mundo sabe que esta banda e un dos referentes da comarca do Deza, aínda que nesta comarca case todas as bandas son referentes a nivel musical porque hai moitas e moi boas. Atopeime con unha agrupación con potencial, con xente que ten gusto polas cousas ben feitas e con gañas de traballar e iso é moi importantes Si a xente está disposta a dar o que pides, para un director é moi fácil traballar nese sentido.

-Esa vibración, ¿xa a captou?

-Si, si, e desde o primeiro día do ensaio sentinme como se eu fora un veciño da Bandeira. Podo dicir que desde o primeiro día, no primeiro ensaio que non me coñecía ninguén, no descanso tratáronme como se fora veciño ou levara dez anos na banda con eles. Entre como é a xente da Bandeira e o nivel que xa tiña a banda e a súa disposición a seguir medrando, que aínda se pode, nese sentido estou moi contento.

-A banda ten canteira detrás...

-Si hai unha canteira, solo hai que mirar cantos premios ten Bandeira nos poucos anos que levan constituídos. Hai banda das comarca como Silleda ou Merza moi premiadas pero xa son bandas históricas, Merza é a máis antiga de Galicia. Está en sitio con moita competencia e é a banda máis xove.

-Tamén enriquece, ¿non?

-Si e pode haber un pouquiño máis de ambición. Non quero dicir que non a teñan as demais pero cando es máis novo sempre tes máis ansia de conseguir as cousas.

-¿Con que idea chega?

-Nun mes foi unha toma de contacto. No sentido musical sempre o director pensa que se pode mellorar porque cada director ten a súa forma de ver as cousas, pero estou vendo como está o organigrama da escola. Sí, teño ideas para darlle un pulo importante cara adiante. Teño xa deseñado que o curso de Semana Santa, consolidado con moitas edicións, como lle dixen o alcalde, esta consolidado e temos que facer que medre e teño o compromiso del de apoiarnos en que iso sexa así. E ademais de que medre quero que sexa unha referencia na comarca onde se fan outros pero mais discrecionais.

-¿Como poder medrar?

-Quero ampliar as especialidades instrumentais. Estaban estes últimos anos con clarinete, tuba, trompa e trompeta e quero traer profesores especialistas para outras materias como frauta, saxofón, percusión... completar un pouquiño máis o ámbito de ensino, que sexa un referente aumentando profesorado e calidade formativa para os rapaces.

-¿Cargado de ideas e ilusión?

-Si, si. Aínda que esta mal que o diga eu, si hai algo que teño cando vou a traballar a un sitio sempre é que me entreguei, cando alguén deposita a confianza en ti, ti tes que te facer merecedor dela e iso conséguese e devólvese a base de traballo.

-¿Como será o concerto de presentación o día 20?

-A idea inicial era presentar un repertorio totalmente novo. En mes e medio de ensaio, pese a estar facéndoo por cordas ... non me da tempo. Así o 60 % do repertorio vai a ser novo e o resto, dúas pezas que xa tocan que son referentes no repertorio bandístico 1812 e As Bodas de Luís Alonso. Unhas seis pezas en total e como novidade tocaremos unha obra de Philip Sparke, obra do século XX.

José Lodeiro Gesto director da Banda de música Recreativa e Cultural Da Bandeira

Encontro co alcalde e debut con concerto o día 20

José Lodeiro leva un mes ensaiando a Cultural e Recreativa da Bandeira. O día 20 estréase ante o público con concerto ás 18.30 horas no auditorio Manuel Dopazo. Hai uns días houbo un encontro protocolario entre o alcalde, Manuel Cuíña, e o novo director, acompañados por Antonio Castro, da agrupación musical. Cuíña tamén agradece e destaca o traballo feito por Miguel Rodríguez na súa etapa ao fronte.

un final de ciclo

Miguel Rodríguez «decideu tras oito anos poñer fin a esta etapa», sinala Antonio Castro, da agrupación musical da Bandeira, que recoñece a valía do xa ex director e a súa capacidade dinamizadora local pero «decidiu cambiar de aires, é un fin de ciclo. E os cambios, o pasar tempo son bos, evitan rutinas».

A quinta batuta

Con José Lodeiro Gesto chega á Cultural e Recreativa da Bandeira a quinta batuta. O primeiro director fora en 1980 José Villaverde Gómez, de Orazo. En 1989 relevouno Luís Alberto González Amosa, de Merza, e dou paso no 2000 a Braulio Cao Balo, nado en Hannover pero de Ponte Ledesma. Relevouno Miguel Rodríguez Barrio de Merza en 2008 e déixao neste 2015.