«Sempre vou estar vinculada á música dun xeito ou doutro»

SILLEDA

MARCOS MÍGUEZ

A política, en Silleda, e o ensino, en Baio, ocupan a esta artista que xa gravou un disco

10 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A música, o ensino e a política son tres das facetas vitais de Margarita Campos Espiño (Silleda, 1985), guiada no seu periplo profesional na docencia ata o colexio Labarta Pose, de Baio, pero que non renuncia ao compromiso político cos veciños da súa localidade, onde forma parte do goberno local (PSOE) como concellería de Xuventude. Hai dous anos foi galardoada co terceiro premio á Excelencia Musical da Consellería de Cultura, a Fundación Paideia e o estudio Mans, e puido gravar o seu propio cedé, no que interpreta temas de Gaubert, Widor e Schubert co acompañamento ao piano da lituana Rasa Biveiniene Jakutyte.

 

-¿Como foi iso de gravar un cedé nestes tempos tan complicados?

-Iso remóntase xa ao 2012. Foi porque no concerto final de carreira do Conservatorio de Música Superior de Vigo acadei matrícula de honor e todos os alumnos de Galicia que o conseguen optan a o concurso Premio de Excelencia Musica. Alí logrei o terceiro premio, que consistía na gravación do cedé, que fixemos en febreiro do 2013.

 

-Pero a súa carreira non se centrou na interpretación.

-Unha vez que acabei o Grado Superior marchei de Erasmus para Italia, onde fixen estudos de perfeccionamento de frauta e tamén de dirección de orquestra. Ao rematar tiña a oportunidade de optar a outra beca, pero por motivos persoais decidín volver para Galicia e estiven de reserva coa Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia e actuei con outras formacións, tanto aquí como en Italia. Din clase nas escolas de música de Vigo e Santiago de Compostela e a raíz dos meus estudos de Maxisterio funme centrando no eido educativo porque o musical está complicado se non te vas fóra. Pero sigo amando o mundo da música

 

-¿Que opinan os alumnos do feito de ter unha mestra que xa gravou un disco?

-Pois, creo que non o saben porque eu non lles dixen nada tampouco. Si que lle comentei aos compañeiros e ao principio estrañoulles que tendo un cedé gravado estivese dando clase, pero son circunstancias que pasan e eu estou contenta.

 

-¿Como é dar clase en Baio?

-Moi ben. Foi o primeiro destino que me deron e non o coñecía, non sabía nin onde estaba, pero xa me comentaran que era un colexio pequeno e a verdade é que estou encantada tanto cos alumnos, como cos pais e co resto do profesorado. Baio é un pobo que te acolle moi ben. Este é o meu segundo ano e sigo moi contenta do trato e de como son os nenos. É algo de agradecer atopar un colexio así porque axuda moito no traballo diario.

 

-Non debe parar moito porque tamén é concelleira en Silleda.

-Si, estou metida en moitas historias. É complexo porque a vida da política ten os seus pros e as súas contras. Ademais, teño que andar entre Baio e Silleda iso é moito e teño que recoñecer que compaxinalo todo resulta complicado, pero se che gusta sacas o tempo de onde sexa.

 

-¿Tíralle máis a música ou a política?

-A música, porque son moitos anos que levo con ela. Empecei a estudar música con dez anos e é algo que forma parte de min e como dixo Nietzsche ?unha vida sen música sería un erro?. Ademais, unha vez que te metes neste mundo resulta complexo dicir non quero saber nada máis; sempre vou estar vinculada á música dun xeito ao doutro.