Finou Erundina, unha moza presumida de 105 anos que escondía unha muller tan valente como curiosa

RODEIRO

Os veciños de Rodeiro, o pobo no que foi unha pioneira comerciante e perruqueira, botarán de menos vela de terraceo coa familia como cada verán facendo preguntas e recoñecendo a todos cantos a saudaban
20 jun 2025 . Actualizado a las 13:54 h.Finou Erundina Negro. E con ela morre un cachiño do pobo pontevedrés de Rodeiro, que non foi o seu lugar de nacemento pero si o sitio onde fixo a vida xunto co seu home, o seu Xermán, falecido hai xa décadas. Erundina era unha personaxe da cima ao fondo do seu corpo rebulideiro e a súa cara bonita ata a fins dos seus días; unha moza presumida de 105 anos que levaba dentro unha muller valente que, como ben dicía este venres o seu fillo Suso, "non tiña medo a nada". Nin sequera á morte, coa que bromeaba a cotío a conta da súa lonxevidade: "Cando me chamen alá vou, pero présa non teño", dicía o pasado verán cando, cos seus 105 xa ao lombo -faltábanlle 40 días para chegar aos 106- andaba tan feliz de terraceo polo pobo rodeada sa súa familia.
Erundina xamais deixaría que se escribira dela sen preguntar ben antes de que ía a cousa. É fácil imaxinala indagando: "E logo para que é isto?". Porque Erundina tiña unha curiosidade infinita, unha alma de xornalista descomunal, e unha gracia para preguntar ben coñecida por todos os veciños de Rodeiro. Atopar con Erundina era sinónimo de ter que responder a que andaba un, se casara ou non, se tiña fillos. Ben é certo que ela respondía contando tamén as súas peripecias vitais e falando tanto dos últimos anos, nos que vivía entre Rodeiro e os distintos lugares onde están os seus fillos, como de antes, cando lle vivía o seu Xermán e traballan a reo para sacar adiante os catro rapaces que tiveron.
Erundina naceu en Cadrón (Lalín). Pero ao casar con Xermán, que foi Garda Civil durante oito anos, viviron en distintos sitios. Pero acabaron facendo vida en Rodeiro. Montaron un negocio pionero, unha droguería e unha perruquería, primeiro nunha casa de aluguer e despois na que levantaron no centro do pobo.
Polas mans de Erundina empezaron a pasar todas as cabezas de Rodeiro. Contaba ela con todo luxo de detalles o que supuxera a moda de poñerse rulos ou cando as mulleres comenzaran a depilar o labio coa cera. Erundina foi comerciante atrevida. Viñan os proveedores e ela compraba. Xermán, máis cauteloso, dicíalle que a ver como pagaban o xénero. Pero ela non daba marcha atrás.
E así sacaron adiante e estudaron aos fillos. Que orgullosa estaba deles! Contaba ben fachendosa o que facían en Vigo, Madrid ou Santiago mentres ela pasaba de ser comerciante a xuvilada e de casada a viúva.
Tivo unha vida moi longa e a grandísima sorte de poder recoller os froitos do amor que lle deu aos seus. Porque os seus fillos e netos coidárona cunha dedicación, un cariño e un humor envidiables. Alí onde eles estaban, estaba tamén Eurundina ou Rundi, como este venres recordaba que lle chamaban o seu fillo Xermanciño, capaz de deixar a un lado a súa vida para estar ao carón de da nai e de facelo sempre con sorriso. Ao lado dos seus foise apagando a luz de Erundina. Non morreu de enfermidade. Nin de velliña. Erundina vaise porque, como ela dicía, "chegou a hora".
Rodeiro despediráa este sábado. E con ela marcha outro cachiño dun pobo que non morre porque está renacendo grazas a xentes chegadas de moitos países do mundo. Ai, Erundina, canto terías ti que preguntarlles a todos! Descansa en paz. E, sobra dicircho porque ti sabíalo todo antes ca ninguén, pero xa sabes que estas letras non chas escribe unha xornalista, que para ti son a María do Borraxeiro.