Camiñas e Lamazares fusiónanse na mentira

Cati Somoza

RODEIRO

20 sep 2024 . Actualizado a las 12:38 h.

Esta semana, a raíz dun estudo das universidades sobre as fusións municipais que recollía certas simulacións entre as que se atopaba a do Deza, os dous “alcaldes” de Rodeiro saíron á palestra cunha xeira de mentiras sobre a miña persoa e o PP local que non podo deixar de responder, xa que non lles consinto que falen por min, como muller libre e con opinión propia, nin polo meu partido.

Eu mesma e o meu partido, malia as difamacións deste infausto dúo, estamos en contra da fusión de Rodeiro con ninguén, porque somos un territorio con identidade, con solvencia e con futuro e, principalmente, porque detectamos que os nosos veciños están en contra desta medida. E aí imos estar sempre, na defensa dos rodeirenses e dos seus desexos.

Deixando claro este punto, quero lamentar que o alcalde Camiñas fale por min e polo meu partido, e sobre todo que o faga mentindo e con certos tics machistas que se levan repetindo todo o mandato, porque quero lembrarlle que eu e o meu partido temos as nosas posturas e defendémolas sempre, algo que el ten que botar en falta, porque as súas opinións son as que lle impón o “alcalde” Lamazares, que foi quen o puxo no sillón malia perder as eleccións e quen o sostén no mesmo. Se Camiñas molesta a Unidade, Camiñas cae, e por iso ten que andar coa cabeza agochada e secuestrado pola terceira forza do concello.

Así pois, non lles permito, a ningún dos dous, que falen na miña boca en prensa e nas redes sociais, nin polo Partido Popular, porque nós temos posturas e principios firmes, algo que non sucede no Partido Socialista e que comprobamos desde Pedro Sánchez ata o propio Camiñas, un pregado aos intereses dos independentistas e con continuos “cambios de opinón” por non chamarlle mentiras e outro plenamente servil co seu socio de conveniencia Lamazares, ao que atura malia as fortes discrepancias, enfados e leas que hai entre eles porque só lle importa manter a cadeira.

E quero rematar lembrando que este mantra de que o PP de Rodeiro apoia unha fusión xa vén de vello, porque comezaron a dicilo con Eliseo Diéguez e logo centraron a campaña de 2011 en soster que Luis López ‘Lugués’ ía entregarnos a Lalín cando en realidade, con el na Alcaldía, vivimos unha década de gran progreso.

E agora tócame sufrilo a min, nun claro intento de desviar a atención pola mala xestión que fan no Concello e para tapar os seus enfrontamentos, polo que non me queda outra que pedirlles que deixen de perder o tempo con mentiras e comigo, que deixen de facer oposición á oposición nunha clara mostra do moito que temen á forza do PP de Rodeiro e que se poñan a traballar dunha vez polos veciños.

Cati Somoza Calviño. Voceira Municipal do PP de Rodeiro.