Para Festa de Fartura a de Río, en Rodeiro, o próximo día 21

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Rober Amado

A comisión abriu as reservas, para un máximo de 450 persoas

17 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Río, no municipio de Rodeiro, que tradicionalmente celebraba a súa feira cada 15 de mes, volverá a recobrar máis vida o próximo día 21 de xullo como cada ano, ao chegar a celebración da Festa da Fartura. Cúmprense dezaseis anos dende aquela primeira edición dun dos eventos gastronómicos máis completos da comarca de Deza, e quince anos da Feira Sustentable que se levará a cabo ese mesmo día.

Un evento pensado, reflexiona David Feijoo dende a organización do festexo de Río, «para darlle vida ao rural. Ese día conseguimos sumar moita máis xente no pobo, e recuperamos o ambiente das feiras de antes. É unha xornada na que non quixemos que fose só un xantar senón ir máis alá, con artesanía, alimentación e música. Para poder pasar un día completo no pobo con moitas opcións».

Coa apertura dos postos de artesanía e alimentación ao fío das 11.00 horas abrirase a festa, para seguidamente dar paso ao pasarrúas do que se ocupará o grupo Airiños do Farelo. Haberá sesión vermú con MJ Pérez, para seguidamente comezar o xantar que presentará un menú moi semellante ao de edicións anteriores, e que consistirá en empanada de torresmos e chourizo, coello e polo á brasa, porco ao espeto e requeixo con mel que substituirá ás torradas servidas en anos anteriores. Na sobremesa servirase tamén xeado artesán, xunto con viño e auga.

Comida pantagruélica

Un xantar para o que é preciso formalizar unha reserva previa, que se mantén aberta ata o próximo 19 de xullo, e para o que a organización dispón dun máximo de 450 prazas. «Queremos que a xente teña comodidade á hora de xantar, que podamos atender a todo o mundo o mellor posible, e por iso establecemos un máximo de prazas para conseguir controlar todo iso», comenta Feijoo que insiste sobre a conveniencia de que se retiren as tarxetas á menor brevidade posible para que a comisión poida perfilar os últimos detalles da festa con tempo, sen ter que facelo no último minuto. Así as entradas poden mercarse nos establecementos de Río, ou poñéndose en contacto con algún integrante da comisión organizadora.

O prezo do xantar establecido polos organizadores para a Festa da Fartura é de 29 euros para persoas adultos, 20 euros pagarán aqueles cuxas idades vaian de 6 a 12 anos, mentres que as crianzas ata os 6 anos de idade poderán xantar de balde.

Un evento festeiro no que non pode faltar a parte musical pero tamén as actividades pensadas especialmente para a cativada co espectáculo de Peter Punk; «un pallaso que gusta aos nenos, pero do que tamén gozan os adultos», explica Feijoo. Unha actuación que está prevista para as 16.00 horas, á que lle seguirá a música de distintas formacións como Varacuncas, Zeltia Irevive e a Mekánika Rolling Band. «Música ata que o corpo aguante», sentencia Feijoo.