Dúas aras votivas romanas fan de mesa nos cruceiros de Alemparte e Pedroso

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

Ambas pezas carecen das inscricións que puideron ter dedicadas aos «Lares Viales»

18 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas aras votivas milenarias nas que os galaico-romanos rendían culto, achegaban ofrendas e mesmo sacrificaban animais aos deuses pagáns nos primeiros séculos da nosa era, serven agora de mesa-pousadoiro en senllos cruceiros nas lindeiras parroquias de Alemparte (Lalín) e Pedroso( Rodeiro). Ambas aras, talladas en granito, foron recicladas hai máis de cen anos, cando se construíron os cruceiros e semella que foran privadas das inscricións que puideron ter dedicadas aos Lares Viales, antigos deuses protectores dos camiños, e mesmo reducido o seu tamaño ao ser labradas e repicadas para adaptalas á nova finalidade.

A de Alemparte pódese ollar no cruceiro procesional sen imaxes que se debeu construír a mediados do século XVIII ao tempo que a igrexa parroquial, na que campa un escudo dos frades de Oseira que posuíron estas terras. Da súa existencia deunos conta o investigador Pablo Sanmartín, a quen cun grupo de amigos de Santiago de Compostela acompañamos nunha visita polas terras que baña o Arnego.

Foi el quen nos indicou que a mesa do cruceiro era un ara votiva dada a volta, polo que poida que presente un oco na parte inferior que agora está cuberta pola terra. Mide uns 104 x 42 centímetros e ten o frontón octogonal, mentres que a cabeceira é cuadrangular, o mesmo que a base, agora invertidas. Ducias de veces a tiñamos ollado e retratado este elemento sen reparar que podía tratarse dunha antiga ara reutilizada polo cristianismo para facer de mesa onde pousar os cadaleitos dos mortos nos enterros e os santos nas procesións.

Cruz latina esculpida

O mesmo acontece co cruceiro procesional de Pedroso, cuxo pousadoiro coidamos que é unha ara romana reciclada para o mesmo fin ca de Alemparte. Esta é de menores dimensións, uns 71 x 30 centímetros, tamén co frontón octogonal e cabeceira e fondo cuadrangulares. Na parte inferior, presenta unha cruz latina esculpida como querendo cristianizala e tres pequenos buratos que puideron servir para a súa suxeición. Desta posible ara cun novo uso deunos conta unha nosa colaboradora en Rodeiro, Leila Sabbouh López, e os veciños din que serviu de pedestal a unha lousa, tamén de ben traballado granito, desaparecida hai pouco que facía de mesa deste cruceiro procesional, posiblemente feito cando se ampliou a igrexa románica de Pedroso. Ao igual ca de Alemparte carece de inscrición, segundo puidemos comprobar coas fotogrametrías que lles fixo Álex Negreira, quizais por seren repicadas no seu día, cando se colocaron ao pé dos cruceiros.

Pola ponte do Arnego, entre Pedroso e Alemparte, debeu pasar unha antiga vía romana que procedente de Santa Baia de Camba e a vila romana de Fafián, continuaría cara a Albarellos en Lalín, onde hai pouco localizamos un miliario inédito do que habemos dar conta nunha próxima reportaxe, xunto cos que se teñen atopado en Saa de Pescoso, Adelán de Guillar e outro nos pendellos de Agolada, puntos todos eles en liña entre o Faro e o Ulla, por onde debeu transcorrer outra vía romana entre as terras de Ourense e Lugo.

Outras aras atopadas en Deza

Na comarca de Deza temos constancia do achado de, polo menos, outras catro aras votivas. Unha delas tamén neste municipio de Rodeiro, en Santa Baia de Camba, onde estivo ata 1964 chantada no lavadoiro da casa reitoral, da que se conserva un anaco de pouco máis de vinte centímetros da parte superior en granito labrado e decorado con molduras e cunha inscrición dedicada aos Lares Viales, segundo se ten publicado, e que agora pode verse no museo municipal de Rodeiro, integrado no centro cultural Manuel Lamazares.

Outra ara, tamén con inscrición dedicada aos mesmos deuses dos camiños, fora reutilizada na construción da capela da Santa Mariña en Graba, no municipio de Silleda, e móstrase no Museo Provincial de Pontevedra dende 1902. No mesmo museo provincial, gárdanse dúas aras máis saídas das terras de Lalín: unha dedicada á deusa Diana que se achou en Moimenta no ano 1920 e outra ao deus Coso, da que non se coñece o lugar exacto de procedencia.