Máis de 300 veciños participaron na Rodeiría do Outono

daniel González Alén LALÍN

RODEIRO

Richi Porto

Foi a presentación en sociedade do colectivo O Falar das Pedras de Rodeiro

19 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado, a asociación O Falar das Pedras de Rodeiro, organizou unha xornada de actividades culturais e recreativas na capital de Camba, coa participación de mais de trescentos veciños do municipio dezao. Nesta primeira grande cita da nova asociación cultural que co lema Rodeiría de Outono, serviu de presentación en público do colectivo, a directiva da asociación programou unha serie de actividades abertas ao publico de tódalas idades.

A primeira hora da mañá tivo lugar unha andaina que co lema Camiña pola Historia, percorreu as paisaxes e monumentos da parroquia de Fafián, na que tivemos a honra de facer de guía xunto coa veciña de Outeiro, Leila Sabbouh López, achegando apuntamentos da historia e os monumentos mais senlleiros desta parroquia, como as ruínas da torre-tulla medieval, o pazo de Trasulfe e a vila romana de Porta de Arcos. Tamén houbo tempo para ver o conxunto que forman igrexa, reitoral e cruceiro e numerosos, hórreos, pombal, muíño, fontes e outras mostras da arquitectura popular do enxebre lugar de Outeiro, onde tamén se atopa un pequeno museo etnográfico e arqueolóxico privado da típica Casa do Mariano.

Veu logo a sesión vermú que amenizou o contacontos lalinense Celso Fernández Sanmartín, que foi presentado por Begoña Lorenzo, e a continuación o xantar de confraternidade coa asistencia de máis de trescentos veciños, cun un menú típico de empanada e churrasco que serviu o Mesón A Roda.

Pola tarde houbo actuacións musicais a cargo dos Gaiteiros de Vilafrío, o grupo folk Tanto nos Ten, o DJ Marcos Fernández, e non faltaron tampouco os xogos tradicionais e o campionato de tute nin as actividades para os cativos que remataron pasada a media noite.

Pola boa acollida e notable asistencia de veciños a esta xornada cultural e de lecer, a directiva da Asociación xa pensa en celebrar outras xornadas semellantes, con percorridos polas distintas parroquias do Concello de Rodeiro e continuar ofrecendo o seu local social, aos socios e outros colectivos veciñais para todo tipo de actividades culturais e recreativas.