Contabilizan arredor de corenta niños de cegoñas na comarca dezana

c. m. / r. g. LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

daniel gonzález alén

Dende o primeiro avistamento hai 40 anos as bandadas non deixan de medrar

07 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A fin de semana pasada unha veciña da zona avistou un grupo de aproximadamente medio cento de cegoñas nun pequeno val de Rodeiro, algo inusual para a comarca de Deza, aínda que ultimamente xa non tanto.

Estes animais podían verse por España especialmente na zona de Castela e León, pero segundo o investigador lalinense Daniel González Alén, estas aves comezaron a vir a Galicia —especialmente á zona de Deza e Tabeirós— hai aproximadamente uns corenta anos, e agora mesmo existen arredor de corenta niños de cegoña espallados pola comarca.

Os lugares da zona aos que primeiro se acercaron e nos que máis niños se atopan actualmente son o municipio de Silleda, xa se avistaron distintos niños en chimeneas e na parroquia de Cercio, que conta agora mesmo con doce. Así mesmo destaca a súa presenza no pobo de Escuadro, e especialmente polo Val de Camba en Rodeiro e a zona do Val do Toxa en Silleda, ambos lugares próximos a cadanseu río o que ao parecer resulta un hábitat idóneo para esta ave.

Anteriormente estes animais só aparecían por Galicia no momento da migración, pero o cambio climático e as condicións do lugar resultaron un factor decisivo para que decidiran quedar. «Estes animais buscan zonas chás, húmidas e a poder ser cerca dun río, xa que a pesar do clima e a situación similar non se está vendo esta colonización na zona das Rías Baixas, é curioso, non lles debe gustar moito a praia», comenta González Alén sobre o por qué da súa aparición nesta zona concreta de Galicia.

Parece que, ao igual que outros animais como poden ser os xabarís ou os corvos, que tamén viñeron a esta zona, esta especie, a pesar de non ter nada que as obrigue a marchar do seu lugar de orixe, están vindo para quedar.

Unha especie en perigo de extinción veciña habitual dos habitantes de Silleda

Non é a primeira vez que as cegoñas chaman a atención á comarca dezá dende o seu asentamento na zona. Hai dous anos houbo un caso en Silleda que causou certa controversia entre a veciñanza do lugar polo desafiuzamento dun niño destes animais situado nunha grúa na rúa Progreso, acompañado dunha dramática historia cando a parella de aves migrou a África e retornou só unha delas, que pronto atoparía outra parella de reposto.

Outra instancia foi a da igrexa románica de Goiás en Lalín no mes de marzo, cando un niño apareceu no seu campanario, o cal preocupou ó historiador Daniel González Alén, gran coñecedor destas aves que neste caso se preocupou polo patrimonio histórico do lugar, o cal trouxo certas tensións nas redes sociais

No caso dunha situación así «a mellor maneira para protexer tanto o patrimonio artístico como aos propios animais é recolocar o niño mentres estes están migrando, buscando un sitio adecuado para a súa reconstrución»

A repentina aparición destas aves resultou algo curioso para a veciñanza, pero as aves adaptáronse sorprendentemente ben á convivencia. Non é raro avistar estes animais cerca de tractores ou zonas de cultivo «ao levantar a terra saben que sempre van ter comida», di o investigador para explicar esta simbiose natural.