«Manuel Fernández ten que dimitir. Nós non debemos nada»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

RODEIRO

MARCOS MÍGUEZ

Na reunión extraordinaria do Consello Rector de Xuncoga pedirá explicacións pola acusación dunha importante débeda

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O cruce de acusacións entre o presidente da cooperativa de segundo grao Xuncoga e o de O Rodo de Rodeiro, Manuel Fernández e José Luis Camiñas respectivamente, polo atraso de varios socios nos pagos e o malestar xerado polas declaracións motivou a convocatoria para hoxe dunha reunión extraordinaria do Consello Rector de Xuncoga.

-Abordarán a situación económica das cooperativas socias en débeda con Xuncoga. O Rodo ten pagos pendentes?

-Non mantén débeda ningunha. O primeiro que hai que dicir é que o presidente de Xuncoga quixo incendiar O Rodo. Saberá o motivo polo que o fixo. Convoca esta reunión despois de quince días, e faino despois dunha chamada miña en que lle dixen que se non a convocaba o faría eu como membro do consello. Desacreditar unha cooperativa é moi fácil. Manuel Fernández non se corta nada á hora de falar, sexa verdade ou mentira, e O Rodo non debía nada. O único que fixemos foi cambiar o medio de pago como medida de presión. O 21 de xuño, que é cando saiu a noticia de que tiñamos unha débeda, debiamos 0 euros. Falaba do penso de maio, e non vencía o día 21 senón o 29. Falaba de que O Rodo non pagara o plástico, e venceu a semana pasada e xa o ten cobrado. Estamos ante un presidente irresponsable.

-Mudaron o medio de pago como medida de presión. O funcionamento non é axeitado?

-Véñense arrastrando problemas. Hai descontos que se usaban a descaro. Queremos as mesmas formas que se usan con outras cooperativas e o presidente non pode dicir nos medios de comunicación que debemos o plástico cando aínda non vencera o prazo para pagalo. É un irresponsable. Presentou unha proposta, tres anos atrás, e non a cumpriu. Non está facendo o seu traballo.