Belén Calvo: «Entrei en política por suxerencia dos meus veciños e grazas ao seu apoio»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

E CUIÑA

Ademais colleu o relevo na explotación familiar, cansa de ver pechar granxas no país

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Belén Calvo Mariño (Laxas, Pedroso) non ía para ferreteira nin para gandeira, e moito menos para concelleira. O que realmente lle gustaba dende nena era a costura. Iso levouna a cursar Patronaxe Industrial na Coruña, e a dedicarse profesionalmente ao sector téxtil ata que sobreveu a fonda crise que fixo pechar á gran maioría das empresas da zona.

-A súa traxectoria profesional cambiou radicalmente ao quedarse sen traballo.

-Exactamente. Miña nai traballou no téxtil e eu fixen o mesmo. Gustábame moito pero veu a crise e pasoume o que a moitas: quedei no paro, aínda que coa posibilidade de marchar a traballar á Coruña no sector que coñecía. Barallei a opción, pero finalmente pensei en quedar.

-E fíxose ferreteira, que non abundan precisamente moitas na zona.

-Pode que non sexamos moitas, pero dende logo que persoalmente fun moi ben acollida no pobo. Nunca tiven ningún problema, todo o contrario... Os veciños arroupáronme moito... O recibimento foi moi bo por parte de todos e sempre me sentín moi cómoda.

-Pero, que sabía do sector?

-Nada (risas). Absolutamente nada! Non sabía o que era unha arandela. Un cravo ou un tornillo si (risas). Fun comezando pouco a pouco neste negocio familiar que abriu meu sogro, a ferretería-carpintería que temos no casco urbano, e na que xa estaba traballando o meu home. Fun poñendo na tenda o meu propio selo, aumentando cada vez un pouco máis a oferta e traballando tamén con máis casas comerciais. Lémbrome que cando cheguei só se facían pedidos a unha empresa e actualmente conto con moitas máis, diversifiquei a oferta... O que trato fundamentalmente é de dar sempre resposta ás necesidades do cliente, e se pide algo que non hai intento conseguilo no menor tempo posible.

-O de ser gandeira veu despois?

-O motivo real foi para darlle continuidade á explotación familiar Rubio Calviño pola xubilación de meu pai; que déixame que conte que o nome é unha chiscadela a miña avoa Lola Calviño e ás orixes da casa que é coñecida como a Casa do Rubio, e o apostar por mantela. Meu pai díxonos: que queredes facer? Pois, seguir e intentar mantela. E niso estamos. Abundan as granxas pechadas. O único cambio que introducimos foi o leite pola carne.

-Creo que a política entra na súa vida despois de todo isto e dun xeito absolutamente casual, aínda que xa leva agora algo máis de dez anos.

-Nunca estivera efectivamente en política e nunca militara en ningún partido. A verdade é que entrei en política por suxerencia dos meus veciños, que lle comentaron a meu pai que podía dar un bo perfil (risas), e grazas ao seu apoio.

-Formou parte da lista popular que lideraba Luís López Diéguez.

-E que non coñecía persoalmente (risas) pero creo que foi quen de comandar un bo equipo, un grupo moi compacto e moi ilusionado que traballou todo o que puido polos veciños, e aquí seguimos.

-Entendo que atinou coa escolleita?

-Plenamente (sorriso). Van alá dez anos e creo que moi produtivos. Traballar polo teu concello, polos veciños e intentar mellorar a súa vida é importantísimo.

-A maior dificultade é combinar o traballo na ferretería, na granxa e na política?

-Asegúroche que non me chegan as horas do día para nada. Aínda que planifiques e organices é difícil... Á mañá estou na Casa da Cultura e no Concello, pola tarde na tenda, a granxa... Á política dedícaslle sábados, festivos e noites; como coa última nevada en que axudamos aos veciños a chegar as súas casas.

«A xente é consciente dos efectos do virus, anda con tino e segue sen moverse moito»

Rodeiro é un concello eminentemente agrícola e á Ferretería Jorge acode tanto na procura dun bebedoiro para un tenreiro como dunhas sementes.

-Como pedían algo de todo, eu tamén fun diversificando a oferta e na actualidade teño tamén algo de menaxe, droguería e utensilios que se necesitan na granxa: tubos, arquetas, tizas para marcar os animais, chupetes... E se buscan algo e non o hai, pídoo (risas). Estamos para dar servizo.

-Como condicionou as vendas a situación sanitaria?

-Aquí, ao igual que en todas partes, as vendas baixaron pero é certo que o sector primario foi aguantando bastante ben a investida que foi forte.

-Pero Rodeiro foi un dos concellos que foi mantendo a situación pandémica bastante á raia, e mantense con cero casos desde fai semanas.

-A garda non se pode baixar. Agora tampouco. Malas experiencias tivemos. O cribado foi duro, houbo días moi complicados pero a xente creo que é moi consciente dos efectos da pandemia, anda con moito tino, segue sen moverse moito e comezou a respectar máis as medidas sanitarias. Posiblemente sexan os motivos polos que estamos con datos óptimos, pero como dixen non significa relaxarse.

-Situación que afectou tamén aos programas das concellerías.

-Afectou a todo. Eu levo as concellerías de Cultura, Igualdade, Voluntariado, Infancia e Medio Ambiente e, aínda que os veciños son dos que participan activamente nas iniciativas que poñemos en marcha, os últimos meses foron moi complicados para poder organizar algo. Agora estamos cun programa medioambiental e solidario, que busca que reflexionemos sobre as consecuencias dos incendios, e queremos seguir promocionando o Camiño. Faremos según se poida.