O baldaquino que O Sisto compartiu con Asperelo e Puxallos

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

Tres pezas que formaban parte dun baldaquino gótico serviron para facer un par de cruceiros e unha capela

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na igrexa do Sisto, en Dozón, unha das máis sobranceiras da comarca de Deza que conxuga diversos estilos arquitectónicos como o románico, co gótico e o barroco, había un fermoso baldaquino datado a finais do século XV o primeiros do XVI, que se desmontou cando se ampliou a igrexa románica a finais do XVIII, reutilizándose posteriormente cinco imaxes de pedra policromadas, que con outras desaparecidas formaban parte dun panel representando unha escea bíblica, na construción do muro frontal do presbiterio, enriba do arco triunfal.

O baldaquino tiña alomenos tres columnas de soporte, que foron sacadas do templo e usadas na construción de senllos cruceiros aquí no propio Sisto e en Asperelo, no municipio próximo de Rodeiro, e unha terceira na construción do soportal da antiga capela do San Roque de Puxallos, neste caso na parroquia lalinense de Catasós.

Cuarta columna

Poida que o baldaquino do Sisto tivera unha cuarta columna que non temos localizada na actualidade, pero non desbotamos que tivera só tres e unha das paredes fixera tamén de apoio deste conxunto monumental, como temos ollado no da igrexa de San Xoán de Portomarín, onde se atopa un dos escasos baldaquinos que se conservan en todo o territorio de Galicia, os mais deles desmontados e destruídos cando o barroco impuxo o seu estilo e a propia Igrexa as novas normas de culto relixioso.

As tres columnas reutilizadas para cruceiro e soporte do soportal que referimos, foron feitas en granito dunha soa peza, e de medidas semellantes en perímetros e lados, aínda que con diferentes tamaños, poida que ao ser recortados para adaptar a cada uso e lugar. Tamén teñen semellante forma cilíndrica e capiteis cadrados finamente esculpidos con figuras humanas e de animais, armas e outros motivos rodeados por ornamentos vexetais. O lique dificulta a contemplación con detalle das escenas que ben merecían un estudo detido que escapa o noso labor divulgativo.

Trasladadas en carro

Supoñemos que as pezas do baldaquino do Sisto foron trasladadas en carro, polo camiño real que atravesaba esta parroquia coñecida entón por San Vicenso, cara as teraras lalinenses de A Xesta, daquela un dos importantes centros de comunicacións da comarca dezana e pasaba por Puxallos, distante uns cinco quilómetros do lugar de orixe do baldaquino, e a Asperelo ao dobre de distancia, iría a columna por A Lagoa de Dozón, tamén importante encrucillada de onde arrincaba un camiño por Álceme cara ao lugar de Carboentes, no municipio de Rodeiro.

Das tres columnas do citado baldaquino tiñamos noticia e mesmo fotos dende hai varios anos, pero deica o pasado verán, cando fixemos unha reportaxe da igrexa do Sisto e do seu cruceiro, non caeramos na conta da relación existente entre as tres pezas referidas.

Respecto as figuras do baldaquino que se reutilizaron, son un total de cinco as que se colocaron enriba do arco triunfal do presbiterio cando a ampliación da igrexa que acometeuse no século XVIII, todas elas son policromadas e dispostas unha no centro enriba dunha repisa cun anxo hai unha imaxe pétrea do Divino Salvador ao que lle falta a cabeza, e a cada seu lado un par de figuras que deberon formar parte de conxuntos que reflectían escenas bíblicas, moi semellantes as dos baldaquinos de Ventosa, o templo de Agolada considerado como a catedral do románico rural galego, pudendo ser da mesma autoría.

Cruceiros barrocos de interese

Para rematar deixamos sinalado que no propio Sisto, preto da igrexa, en Ourín de Asperelo e tamén en Carboentes, a pé da estrada que vai ata o lugar de Arnego, atópanse na actualidade tres cruceiros de estilo barroco con ben labradas imaxes no anverso e reverso que coidamos poden ser da mesma época e tamen do mesmo autor, merecentes dun traballo de investigación máis detallado que poida establecer a súa relación que para nós, semella bastante evidente.