Busto festexou á Virxe do Rosario

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

A pequena igrexa da parroquia lalinense, de estilo barroco e orixe románico, garda fermosos retablos e imaxes

13 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Virxe do Rosario ten na nosa comarca de Deza máis dunha decena de celebracións, de entre as que destacan as de Carboentes en Rodeiro, que tivo lugar a pasada fin de semana e a do O Sisto en Dozón, que se trasladou para esta. As demáis son celebracións relixiosas, sen concertos nin verbenas, aínda que con festa de xantar nas casas dos veciños e festeiros convidados. É o caso da que se celebra en Busto, unha pequena parroquia lalinense de pouco máis de medio cento de habitantes, situada na aba da Serra do Carrio, que celebrou a festa do Rosario na súa cativa igrexa que os veciños coas súas achegas manteñen con agarimo, sendo unha das mellor conservadas e lucidas da comarca de Deza.

A igrexa foi románica no seu orixe aló polo século XII, como o testemuña a portada semicircular que con lixeira reforma se aproveitou na actual, así coma o arco triunfal e unha pía baustimal de boas dimensións. A actual debeuse erguer no estilo barroco do XVIII, no mesmo lugar ca anterior, xa que aínda asoman restos da cimentación baixo un dos muros, e sería ampliada vai para cen anos, co actual presbiterio e a sancristía. Logo desta ampliación fíxose un altar principal novo e o antigo -un impresionante exemplar do barroco, finamente decorado con anxos e motivos xeométricos- pasouse a un lateral que dende entón serve para a fermosa Virxe do Rosario que aquí se honra, unha talla de grande valor que pode datar do século XVI.

Desa época tamén debía ser unha pequena talla do patrón San Facundo que agora está enriba da porta da sancristía, do que hai outra imaxe máis nova no retablo principal, no que tamén é antigo o San Roque a máis modernos o Sagrado Corazón, San Xosé e San Antonio, así coma a Inmaculada que ten o seu altar nun lateral e a nova do Rosario, que é a que sae en procesión pola festa.

Coa ampliación tamén mudou de lugar un ben tallado relevo de madeira que formou parte dun antigo retablo, que da nave pasou a sancristía e en tempos recentes está medio agochado na tribuna entre outros tarecos. Representa as escenas de San Xoán ao ser degolado e Santiago Apóstolo matando mouros na batalla de Clavijo, que pola vestimenta dos personaxes pode datar do séculos XVI-XVII e que o celoso e activo párroco Xosé Criado, reitor do Santuario do Corpiño, pretende restaurar convenientemente coa colaboración veciñal, para colocalo nun lugar preferente do templo.

Restos dunha torre defensiva, petróglifos e casas señoriais de certo interese

Nun alteiro rochoso do Monte do Carrio, que os paisanos do lugar coñecen coma Castrelo Pequeno para diferencialo doutro de maior tamaño existente nas proximidades, sinalan os paisanos que «houbo un castelo dende o que os cristiáns mandados por Santiago Apóstolo, loitaron cos mouros para botalos de Compostela». Nel localizamos hai máis de vinte anos alicerces dunha torre defensiva que tiña unhas pequenas dimensións, xunto con varios petróglifos de coviñas e cruciformes datados en distintas épocas (Deza Actualidade, Outubro do 1995). Está no lindeiro coa parroquia de Méixome é ofrece amplas panorámicas da comarca de Deza e mesmo tamén do Pico Sacro, camiño de Santiago de Compostela.

Na parroquia lalinense, que en tempos foi dominio dos Condes de Lemos, cando había grandes rabaños de ovino e cabrio e greas de cabalos salvaxes que vivían nos montes do Carrio, consérvanse varias casas casas señoriais, destacando a dos Mendoza Caxide, que conta con grande cheminea, solaina, hórreo de tres claros, eira, fonte con lavadoiro, palleira, saído con varios cedros do Líbano e cipreses centenarios e grande propiedade nos contornos.

Serradoiro propio

A casa, que agora atópase medio arruinada, tivo serradoiro e sona no oficio de albeitar dun dos desta familia, que foi fidalga e descendente dos Caxide do pazo de Besexos nas terras das Cruces. Tamén merecen mención as «casas grandes» de Golmar co seu pombal cadrado, a de Vilariño que conta con hórreo de catro claros o mesmo ca de Galego, familia de cregos a onde foi parar un sartego da antiga igrexa ou a de Mato con boas canterías. No regato local tiñan tres muíños os veciños -Caxide, Souto e Ferrollo- e outro máis os de Moure de Anzo

Outras celebracións

A parroquia que é anexa á de Losón, festexa tamén ao patrón San Facundo no mes de novembro e o Corpus cando corresponde, con xuntanzas veciñais para compartir viandas e diversión, mostra da unión veciñal que nin os intereses do parque eólico do Carrio, nin a dilatada concentración parcelaría que segue en curso, son capaces de estragar, segundo nos refire o noso informante Xosé Luís Otero Brea, gandeiro nestas terras cobizadas de antigo pola súa riqueza en pastos e arboredos.