A Virxe do Rendal, doazón do cardeal García Gil a San Salvador de Camba

Atribúeselle a cura das doenzas das moas e oídos e a súa festa era das máis sonadas do municipo fai tempo


Lalín

Na parroquia de San Salvador de Camba, en terras de Rodeiro, celebrouse a pasada fin de semana a tradicional romaría da Nosa Señora da Saúde, máis coñecida polos paisanos coma a Nosa Señora do Rendal, que noutro tempo era unha das máis sonadas e concorridas do municipio, con milleiros de ofrecidos e devotos que logo de cumprir coa liturxia, xantaban nos prados e carballeiras que rodeaban a igrexa. Nesta ocasión na xornada do sábado houbo tres misas a última delas solemne cantada polo párroco Alvito García Fente co acompañamento da Coral Polifónica de Rodeiro e logo a procesión, na que os devotos portaron o redor da igrexa a ista Virxe xunto coa do Rosario, que se repíteo o domingo e tamén nas dúas xornadas tiveron sesión vermú no campo da festa e pola noite verbenas, correndo coa parte musical a orquestra Deluxe, o grupo Máster e o dúo Óbice.

Aínda que o patrón desta parroquia, que anda pouco enriba do cento de habitantes, é o San Salvador con festa a primeiros de agosto, a festa máis multitudinaria é ista do Rendal, cuxa imaxe foi doada e entronada polo cardeal García Gil, o chamado santico gallego, que fora arcebispo de Zaragoza e teólogo destacado do concilio Vaticano I, nado aquí no 1802 segundo reza unha lápida colocada ao carón da antiga pía bautismal. A celebración debeu ser réplica da que se ten lugar tamén nestas datas con grande fervor no Santuario da Virxe do Rendal, na parroquia diste nome preto do concello coruñés de Arzúa, da que xa daba conta Madoz no seu dicionario a mediados do século XIX. A Virxe do Rendal atribúeselle a cura das doenzas das moas e oídos, e os devotos levan a tradición de tocar cos dentes unha pequena campá, para curar algunha doenza propia ou dalgún achegado e tamén a de pasar baixo as andas da Virxe coma noutros santuarios e igrexas milagreiros.

A igrexa, do século XVIII

A igrexa actual e tamén de mediados do século XVIII e foi reformada e ampliada en épocas posteriores. Da primitiva que debeu ser románica, reutilizouse o arco triunfal e gardase a pía bautismal. É un templo dunha soa nave cun pequeno pero antigo e fermoso retablo no que destacan as imaxes do patrón na parte inferior, con San Brais e Santo Antonio dun e outro lado e as de San Pedro flanqueado por San Roque e Santa Lucia na superior, todas elas de semellante antigüidade cao retablo. Fora do retablo móstranse as da referida Virxe que é das de vestir ao igual ca do Rosario que a acompaña na procesión.

Formando conxunto coa igrexa está a coñecida coma Casagrande da Igrexa, que ben puido ser reitoral nalgún tempo, cun bo exemplar de hórreo de catro claros e eira enlosuada ao carón da palleira. Tamén referir que mesmo fronte a este casa atopase a do Taberneiro, que foi de arrieiros e taberna e deica hai pouco dedicada ao turismo rural.

A parroquia, berce de importantes persoeiros como frei Manuel García ou Xavier Vales

A parroquia de San Salvador de Camba en Rodeiro foi berce de ilustres e coñecidos persoeiros. Xunto ao ilustre cardeal frei Manuel García Gil xa referido ao que xa dedicamos unha reportaxe neste xornal o día 21 de xaneiro do ano 2018 co título O cardeal de Rodeiro que foi santo en vida, destaca tamén a figura de Xavier Vales Faílde (1872-1923) nado no lugar de Fornas, sacerdote e tamén escritor, que fora durante un tempo confesor da rexente María Cristina, morto en estrañas circunstancias cando estaba preconizado para bispo de Sión e protagonista dunha escura historia relacionada coa realeza española que desta non imos tratar.

Unha placa na fachada da igrexa de San Salvador lembra a este ilustre persoeiro de parroquia e tamén ao seu irmán Germán Vales Faílde (1883-1914), profesor no Seminario de Madrid e da familia era Marcial Diéguez Vales, que foi párroco desta parroquia e da de Gresande (Lalín) a mediados do século XX.

O filósofo Ramón Regueira

Merece mención o profesor e filósofo Ramón Regueira Varela nado na localidde de Melide (1943), autor de varios libros e tamén son nativos desta parroquia os nosos amigos Luís López Diéguez, actual alcalde de Rodeiro, e o seu antecesor no cargo durante moitos anos, Manuel Lamazares Pardo, así coma Cecilia Doporto Regueira, responsable do museo municipal Ramón María Aller de Lalín que nos achegou diversos datos para a elaboración desta reportaxe ao igual que o recoñecido veciño Xesús Fernández Diéguez, da casa do Taberneiro, bo coñecedor da parroquia na que de xeito encomiable e altruista, ven realizando o labor de sancristán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Virxe do Rendal, doazón do cardeal García Gil a San Salvador de Camba