«O máis complicado é que a peza se pareza o máis posible ao encargado»

amelia ferreiroa LALÍN

RODEIRO

Pablo Vence emprega aluminio con manganeso para elaborar obras máis moldeables pero totalmente resistentes

01 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Pablo Vence o deseño e a escultura xa lle gustaban de pequeno, recoñece este artesán de Rodeiro, cuxa paixón finalmente acabaría por converterse no seu modo de vida.

-Certo é que dedicarse a moldear arame non é moi común.

-Pois non. Poucos artistas hai na comunidade adicados ao arame e na zona penso que son o único que o fai. Fixen un ciclo de escultura na Coruña e cando tiña 30 anos comecei a darlle forma ao arame, que é como amasar con barro pero con outro tipo de elemento ... Despois estudei Belas Artes en Pontevedra, marchei un ano a Brasil becado, fixen un máster e finalmente probei sorte neste mundo como autónomo. Estou contento co que fago.

-Que complexidade ten o arame?

-O máis complicado é sacar as proporcións e as dimensións e que a peza se pareza o máis posible ao encargado.

-Haberá unha ampla variedade de opcións?

-Claro que hai moitos tipos de arames, dende os máis duros de aceiro ata os de aluminio que son os que máis utilizo. Non é só de aluminio senón que leva tamén manganeso o que o fai moito máis moldeable e non rompe tan fácil tampouco como o aluminio. Este último se o retorces un par de veces e lle das unhas voltas acaba rompendo, pero as pezas que eu fago son totalmente resistentes e consistentes. Queda unha peza cerrada e algunha incluso pesa bastante. Falamos, por exemplo, dalgún traballo que chegou a alcanzar o quilómetro de arame de maneira lineal ou incluso un pouco máis.

-Que pezas lle piden máis?

-Pedíronme pezas que eu sería incapaz de facer xa que non pensaba realizalas. A xente pide de todo ... A imaxinación é moi ampla. Recentemente tiven un encargo que era para un regalo a unha parella de noivos: un cazador cun can deitado e a moza con vestido de noiva e sombreiro de mariachi. Hai para todos os gustos.

-O primeiro é realizar un boceto antes de comezar co arame?

-Traballo moito con fotos para lograr a caracterización que quero da persoa, pero o que non fago son bocetos previos.

-Canto tempo precisa para elaborar unha peza?

-Depende da peza, do tamaño da mesma ... Non é o mesmo facer unha peza de vinte centímetros que dun metro. Hai traballos que pensas rematar en dez ou quince horas e finalmente empregas máis de vinte. Non hai un tempo estipulado para realizar unha determinada obra.

-O seu traballo é coñecido xa na actualidade na zona?

-En Rodeiro coñéceme todo o mundo e teño que dicir e agradecer o feito de que me encargan un montón de traballos, pero hai que moverse e traballar moito para chegar ao maior número posible de rincóns. Promocionarse é fundamental pero todo isto leva tempo e é un proceso lento. Agora mesmo estou coa tenda online para poder vender o que fago por todo o territorio.

-Incluso fai agora aneis.

-É algo co que comecei recentemente. Levei unha pequena mostra de aneis á Feira 1900 de Cuntis e alí tamén fun o encargado de impartir un obradoiro aos máis pequenos sobre traballos con arame para que non se perda o oficio. Se os cativos non toman as rendas acabarán por perderse moitas tradicións.