O San Benito encheu de devotos a capela e o recinto do Pazo de Trasulfe

Daniel González Alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

Os devotos, que levan cirios e esmolas, manteñen o costume de bicar a reliquia do santo, un anaco do seu hábito

13 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A capela do Pazo de Trasulfe, en Rodeiro, foi un ano máis punto de encontro de moitos devotos da parroquia de Fafián e doutras veciñas de Camba, na celebración do San Benito Abade, unha devoción ancestral, que semella vai a máis nestes tempos de crise e mantendo intacta a devoción e o singular ritual inalterable ao paso do tempo. Aquí, os devotos ademais de ofrecer cirios, misas, esmolas, mercar estampas e refregalas no santo, levar o aceite bendito que fora queimado na honra do santo para a cura das enfermidades da pel, ou pasar baixo a peaña do santo perante a procesión; manteñen o costume de bicar a reliquia -un fragmento do manto do santo abade que se garda nun cativo relicario dourado- que o párroco lles ofrece e tamén, mentres o sancristán lles pasa o santo por riba da cabeza e ombreiros facendo a sinal da cruz permanecendo de xeonllos, e así con ambolos dous rituais afastar os malos espíritos, os problemas e as enfermidades que ameazan e preocupan aos mortais.

A celebración tivo lugar o día propio que nesta ocasión caeu en xoves, unha xornada de calor que non arredou e mesmo animou a centos e devotos a cumprir coa tradición e achegarse a capela do pazo para rezar e pedir favores ao santo milagreiro. Houbo tres misas a última solemne no patio do pazo, xa que a numerosa asistencia non cabía na capela, que oficiou o párroco Alvito García Fente, axudado pola Coral de Rodeiro. Logo saíu a procesión polos camiños que rodean o pazo, coas notas musicais dun grupo de gaitas mentres estoupaban ducias de foguetes no ceo deste val que preside a Serra do Faro. Logo viría a parte profana, coa sesión vermú e xantar campestre que animou a actuación dun grupo musical.

Boa conservación

A capela é un sinxelo templo de principios do século XVIII cun ben tallado retablo de madeira disposto sobre un altar de granito co escudo dos Varela, ue preside a imaxe do San Benito e coroan o Santiago Matamouros, patrón da parroquia de Fafián, flanqueado por San Ramón Nonnato e o San Roque. A un e outro lado do altar hai dous sepulcros brasonados que puideron vir da igrexa de Fafián, en cuxo interior a familia tivo enterramentos que logo pasaron o panteón do camposanto, a xulgar polo desgaste que presentan os escudos. Aquí están os restos mortais dos fidalgos do pazo, entre eles os dos fundadores Pedro López Varela (1530-1601) e Sancha Álvarez de Vaamonde e Ulloa ( 1545-1610) e tamén os do último propietario o estimado amigo Xaime Arias Campo (1938-1998) que soubo conservar e mellorar esta mansión fidalga, que continúa agora nas mans dos seus sucesores. O pazo, do que hai moito publicado nos últimos tempos destacando o s traballos dos nosos amigos Buxán e Rubiá, ten os seus orixes no século XVI e conta con ata once escudos de armas, os máis deles na fachada principal sobre os portalóns da entrada con armas dos Varela, López de Lemos, Arias, Mariño, Saavedra, Taboada e Churruchaos, ademais de amplas balconadas e chemineas e solaina posterior conforme ao estilo barroco que caracteriza este pazo, e dende a que pode ollarse o cerrado axardinado da propiedade, con senlleiras arbores ornamentais e unha boa panorámica das terras de Camba.

Na mesma xornada celebrouse tamén o San Benito de Xaxán, na capela que o santo ten preto da igrexa parroquial daquela parroquia preto de Lalín, que a fin de semana terá continuación coa festa do San Cristovo e bendición de vehículos, festa campestre e verbenas, que busca ir a máis nos últimos anos.