Catro días de festa en San Xoán de Camba de Rodeiro e un no Sisto

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

En Camba a falta de acordo dos veciños motivou que houbese dúas comisións e misas nas catro xornadas

28 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana unha decena de parroquias de Deza celebraron a festividade do seu patrón San Xoán e tamén tivo lugar a grande romaría da Virxe do Corpiño no famoso santuario lalinense, así coma varias festas relixiosas do Corpus Christi nalgunhas vilas e mais dun cento de cacharelas arderon na comarca con músicas, sardiñadas, churrascos e grande participación veciñal. De moitas delas xa se ocuparon os distintos medios, polo que, tendo que escoller entre tantas celebracións traemos aquí nesta ocasión, as festas patronais que tiveron lugar en San Xoán de Camba (Rodeiro) e O Sisto (Dozón).

En Camba a falta de acordo entre os veciños motivou que nesta ocasión houbera dúas comisión de festas, que artillaron outros tantos programas de actividades para os catro días de celebración, coma xa referimos días pasados en La Voz. Nas catro xornadas houbo misa solemne e procesión a cargo de párroco titular Alvito García Fente, e na parte musical nos concertos e verbenas os grupos Distrito 7, Trío Arte e a orquestra Foliada nas dúas primeiras xornadas e o grupo Arizona coa orquestra Suavecito nas dúas seguintes.

A festa desenrolouse a redor do conxunto que forman o pazo-fortaleza de Camba e a igrexa parroquial, que conserva moitos elementos románicos do século XIII entre os que destaca o arco trunfal cos seus ben labrados capiteis e tamén os enterramentos fidalgos con escudos do pazo de Camba, da que a igrexa foi capela en tempos remotos mantendo aínda o acceso directo a tribuna do templo. O retablo principal desta igrexa que pide a berros restauración, está coroado por unha talla coa adoración dos Reis Magos e neste e noutros dous retablos móstranse imaxes antigas do patrón, e tamén do San Roque, San Antonio de Padua e outras máis novas do San Xosé, do Sagrado Corazón e catro representacións da Virxe María. Tamén é de moito mérito a ben labrada cruz de prata que de novo encabezou as procesións.

Só un no Sisto

Pola contra os veciños do Sisto en Dozón, conformaron nesta ocasión cun único día de festa o 23, con misa solemne e procesión, sesión vermú e concerto coa charanga Leña Verde e pola noite verbena coa orquestra Gran Parada e a disco móbil Chocolate.

Os actos relixiosos estiveron a cargo do párroco Xosé Vázquez Diéguez, moi estimado polos seus fregueses por ter promovido varias obras nesta igrexa e no seu entorno ao igual ca noutras parroquias nas que exerce o seu labor pastoral. Postos a pedir, cumpría que mediara para lograr a total restauración das impresionantes pinturas do século XVI que adornan as paredes do templo e tamén do altar maior que dende 1790 non volveu ser pintado, así coma as vellas imaxes do San Ramón, San Roque, San Antonio e a Virxe do Carme, que corren perigo de estragarse co paso dos anos.