O Pepe de Vegas, o home que nunca deixou de preguntar

María Hermida
maría hermida LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Cedida

Faleceu aos 92 anos quen foi zapateiro en Rodeiro

18 feb 2019 . Actualizado a las 07:53 h.

Rodeiro acaba de perder un deses personaxes que fan que cada pobo sexa único. Morreu o Pepe de Vegas. E isto, desafortunadamente, non é un conto dos que tanto lle gustaban a el. «Éche ben verdade», que diría o propio Pepe.

Antes de casar e ir vivir a Vegas, el era o Pepe da casa do Xordo de San Salvador, o quinto dunha familia de oito irmáns. Nacido no ano 1926, non parece que foran aqueles tempos de moitas florituras. Sen embargo, o Pepe apañábase ben para chegar de punta en branco as festas e campando coa sua besta. Presumía de ter sido moi mocero. E de saír ben parado de todo canto facía. Gustáballe contar canto vagueara facendo a mili na Coruña. E todo a conta de terse feito axudante da muller do coronel, que só lle pedía que lle comprara o pan.

O Pepe casou coa Julia, a muller con máis bondade do mundo, e veu vivir a Vegas, no fondo de Rodeiro. Xa casado e con dous fillos -os seus eternos rapaces-, emigrou a Suiza, de onde voltou un tempo despois para aprender e exercer oficio de zapateiro. Ensinoullo unha persoa moi especial, o seu sogro, o señor Julio, ao que el e Julia coidaron tanto, tanto que chegou aos 105 anos.

O Pepe foi zapateiro, presumiu de ter moi boas vacas rubias e cargou os toxos na cima do tractor ata os 86 anos. Pero foi sen sabelo outra cousa. Era un xornalista descomunal. Gustáballe ir as festas, aos enterros, tratar coa xente, entrar en todas a sus portas, sobre todo, para poder contar o que alí vira. nunca deixaba de preguntar e nunca daba nada por certo. «Eu oino, pero ao mellor son contos», advertía ao interlocutor.

Nunca perdeu a elegancia e, ata que a saúde llo permitiu, foi de festa co seu traxe ben pranchado. Cumpriu os 92 coa retranca e esa infinita curiosidade sua intactas. Aló onde vaia ogallá poida mirar, aínda que sexa por un buratiño, como dicía el, como o despide a sua xente. Seguro que lle gustaría ver o gran cariño que se lle ten. Se o vira, miraría para a sua Julia, que aló no ceo anda tamén, riríase con esa risa sua de medio lado e diríalle: «¿Viches Julia? Xa che dixen que a min non me fallaban».