Un xenio e figura chamado Desito

María Hermida
maría hermida LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

12 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamábase Arturo Amesio. Ou iso dicía o seu carné de identidade, porque el era Desito para todo o mundo. E dicimos ben, para todo o mundo, porque a Desito non había recuncho onde non o coñeceran. Daba igual de que lugar de Galicia ou incluso de España lle falases. En todos estivera repartindo patacas, viño ou levando algún becerro. E, sobre todo, en todos deixara amigos. Por iso onte en Rodeiro, ante o seu falecemento aos 87 anos, o velatorio enchíase. Dicían alí os que o coñecían e querían que morrera un «home tan bo como o pan de comer e máis divertido que calquera orquestra». Non se enganaban. Nacíanlle na boca tanto as bromas, como as coplas e tamén as toleiradas. E a expresión xenio e figura debeuse inventar para definilo.

Desito naceu en Belesar, á beira do Miño, un río que aos oitenta anos aínda era capaz de atravesar nadando. Ou iso contaba el, asi como contaba todas as cousas, que nunca un sabía se eran de todo certas. Veu logo vivir coa familia á Santa Baia, en Rodeiro, onde montaron un almacén de ultramarinos. E alí medrou el. Contaba sempre que tiña doce años cando seu pai lle dixo que conducira o camión: «Espeteino contra a porta do garaxe», dicía entre risas. Tardou moito en baixarse del. Desito foi camioneiro, tratante de gando, taberneiro despois no Bar Desito e, sobre todo, home de taza de viño e torresmo sen freba. Dicía que unha vez no Ribeiro bebera unha ola de viño. Era capaz de traballar sen durmir e sen perder o humor semana tras semana. Temperamental ata dicir basta, nunca deixaba indiferente a ninguén.

Casou con Obdulia e ela, coa súa paciencia infinita, converteuse na súa guía, na persoa que sempre estaba aí reñéndolle sen éxito para que Desito se coidara. Un día, Obdulia enfermou para sempre. E Desito demostrou que, ademais de ser home de festa, tiña un corazón enorme. Coidouna a ela por riba de todas as cousas. Cantáballe, bailáballe, dáballe bicos e recitáballe versos. Ela morreu hai tres meses. El chorouna. E logo seguiu de festa. Porque así era el. Onte marchou con ela. Esperemos que non lle chegue tarde. Porque se hai onde botar un vaso de viño no camiño, aí parará Desito.