Obdulia, a muller valente que nunca se rendiu

María Hermida
maría hermida LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

15 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é a historia de Obdulia González Fernández, unha muller valente. Naceu en Lalín, a carón dunha avoa á que adoraba, e pronto soubo que a súa vida non sería fácil. Os seus pais marcharon traballar á mina da Brea e a ela tocoulle medrar á presa, sen tempo para ser nena. Traballou dende ben moza, casou «cun cambote de ollos azuis», como ela dicía, e marcharon á emigración. Estivo en París, un lugar que sempre lle quedou no corazón. Alí traballou de sol a sol, pero ela, como sempre facía, quedouse co bo: sempre falaba dos marabillosos xefes que tivera, de como aprendera a moverse pola cidade e a manexarse co idioma.

Voltou á terra, a Rodeiro, onde logo se afincou, e fíxoo para coidar aos seus familiares e para criar á súa descendencia. Non soamente tirou para adiante coas súas dúas fillas, moitas veces sola, mentres o seu home, Desito, traballaba fora. Tamén coidou das súas netas e netos e foi unha gran emprendedora. Tivo unha zapatería, unha froitería e rematou rexentando, coa súa familia, o bar Desito.

Ela, a muller máis organizada do mundo, a esposa, nai e avoa capaz de poñer a todos á liña, só se esqueceu dunha cousa: nunca pensou moito nela e en disfrutar un pouquiño desa cousa chamada vida. O seu día a día foi sempre o traballo, a misa dos domingos e, como moito, algunha tarde de telenovela fronte á televisión, pero sempre coa plancha ou a escoba na man. Un día, demasiado cedo, un demo negro chamado Alzhéimer elixiuna para vivir dentro dela. Entón, Obdulia, Lula no seu Lalín natal, fíxose máis grande ca nunca. Non houbo un só día no que non loitase. Non se rendeu cando deixou de coñecer á familia. Non abandonou a batalla cando xa non puido andar. Non parou cando xa non podía nin mover os brazos. Seguiu agarrada á vida, intentando sorrir cos seus ollos bonachóns.

Sementando paz

Hai uns días, cando a súa enfermidade xa a invadía por todos lados, a súa bisneta Carme díxolle no seu idioma de nena de dous anos «abuelita, soy Carme. Mírame». E a abuelita, como nun miragre, abriu os seus olliños xa moi cansos, mirouna e ata intentou falar, algo xa case imposible para ela. Así era Obdulia, unha muller forte e valente, que marchou deste mundo tal e como era, sementando paz. Hoxe daráselle o adeus en Rodeiro, onde seguirá o seu recordo.