«Trasladamos o produto fresco e natural da nosa horta á cociña»

Levou a Madrid a tapa gañadora dos Bocadiños do Cocido, premiada polo xurado popular


lalín / la voz

Acabar sendo cociñeira era case algo previsible no caso de Alba Varela Diéguez, ao pasar boa parte da súa infancia na cociña da súa nai Pilar entre azucres, ovos e fariña cando elaboraba doces.

«Meus pais, Jesús e Pilar, tiñan un bar. Logo veu a sala de festas e finalmente unha pastelería... Pasei boa parte da nenez metida nas cociñas, no medio de pucheiros e de doces... Si, semella que o meu futuro profesional ía pasar pola rama hostaleira. Cursei servizo, cafetería e panadería e cociña en Villamarín e Lamas de Abade; fixen prácticas, traballei en varios sitios e agora no Restaurante Casa Achacán».

-Restaurante que se levanta na propia casa familiar.

-Así é. Foi no mes de abril do ano 2013 cando apostamos por abrir o restaurante no que é a casa familiar, que foi parada de bestas; unha casa moi antiga que pertenceu ao meu tataravó, e fíxemolo basicamente polo feito de que meus pais xa facían algunha comida por encargo e en Rodeiro non había tampouco moitos restaurantes... Foi unha aposta naquel momento e aí estamos, loitando e pensando mesmo en realizar algún proxecto máis.

-Como é a cociña en Achacán, tradicional ou de innovación?

-Nós somos en principio de apostar máis polos pratos de comida tradicional, que é o que máis demanda ten, polo menos na nosa casa. Claro que tamén nas fins de semana, cando fago ceas maridaxe e en datas especiais como San Valentín, Día da Nai... tamén facemos menús diferentes, máis creativos e innovadores. Digamos que o cliente ten a posibilidade de escoller o que máis lle gusta, pero a maioría vai ao que coñece. Non lle importa tanto a forma en que estea cociñado ou presentado, pero quere que sexan produtos aos que lle poñan nome, sen ter que preguntar o que é. Non fago, por exemplo, polbo á feira, senón que é á prancha, gratinado con San Simón... Non é a maneira máis tradicional de comelo, pero é polbo e o cliente sabe o que é e pídeo.

-As croquetas de Casa Achacán teñen moita sona.

-(Risas). Certo. Témolas de case todo e continuamos innovando, probando con novos produtos, e aos clientes encántanlle. Non sei, pero a case todo o mundo lle gustan as croquetas, é igual que sexan nenos que adultos.

-De que son as principais elaboracións?

-De perdiz, de grelo con chourizo, corzo, cogomelos con queixo, luras na súa tinta... Pódense facer croquetas de tantas cousas! Témolas sempre na carta pola demanda que teñen sempre.

-Se lle pregunto por un par de especialidades, cales serían?

-O bacallau ao forno que facemos con améndoas, a croca, carnes de caza que en Rodeiro teñen tanta aceptación e cuxa degustación aumenta considerablemente coa celebración da Festa da Caza que se fai no municipio.

-E este ano por vez primeira lanzouse a participar no Concurso dos Bocadiños do Cocido, que organiza a AED, e acadou un primeiro premio.

-Fíxeno, xa que me parecía unha boa maneira de colaborar coa Asociación de Empresarios de Deza (AED), publicitar o restaurante e o traballo que facemos, no que procuramos sempre trasladar o produto fresco que cultivamos na nosa horta á cociña. O que non esperaba para nada era o premio do xurado popular pola tapa que elaboramos.

-E mesmo tivo ocasión de levala a Madrid.

-Foi unha grata experiencia o ir cos outros compañeiros hostaleiros ao encontro empresarial que se celebrou na capital, a presentar as tapas e axudar cun cocido, que segundo comentou todo o mundo estaba exquisito.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Trasladamos o produto fresco e natural da nosa horta á cociña»