Atopan dous relevos con vieiras na ponte de Pedroso en Rodeiro

daniel gonzález alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

A súa datación pode estar no século XVI a modo de «marcas de honra» cando fixeron esta construción

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Séculos antes de que o Camiño de Inverno a Compostela que pasa por Pedroso (Rodeiro) fora recoñecido oficialmente, xa estaban gravados no arco da súa ponte medieval dúas cunchas de vieira, símbolo da peregrinación xacobea que canteiros anónimos esculpiron para a posterioridade e que permaneceron ocultos sen que deica o de agora, ninguén deixara constancia da súa existencia.

Os dous relevos coa representación das vieiras quedaron ao descuberto ao realizarse nestes días, os traballos de limpeza da ponte por parte da empresa Construcciones Vázquez Vence de Rodeiro, baixo a supervisión da restauradora Iria López Baltar da empresa Citania Arqueología e con cargo ao Agader, dependente da Consellería de Medio Rural, con case 30.000 euros de presuposto. Nada máis producirse o achádeo, fomos avisados polo alcalde de Rodeiro, Luís López Lugués, co rogo de que procederamos a botarlle un ollo e logo dun primeiro estudo, o deramos a coñecer publicamente.

O maior dos relevos duns 25 centímetros a cada xeito, atopase na clave das doelas do arco da ponte polo lado norte, onde aparecen tamén varias marcas de canteiro de diferentes formas e tamaños. A segunda das cunchas de vieira, menor que a anterior pois non chega aos 15 centímetros, pode ollarse no lado oposto da ponte, tamén na clave do arco, esta acompañada dunha medía lúa colocada na parte inferior, motivo que se repite noutras doelas do arco e nalgunha das canterías da bóveda onde tamén se ollan diferentes marcas dos canteiros. Coidamos que tanto os relevos coma as marcas foron feitas cara o século XVI, a modo de «marcas de honra» cando debeu ser construída a ponte, quizais aproveitando a emprazamento e a base doutra mais primitiva que ben puido ser de madeira.

Documentos do século XVI

Na ponte obsérvanse perfectamente dúas fases construtivas, a máis recente para reparala, logo de que fora arrasada por unha enchente segundo contan os veciños, procédense a colocar de novo o peitoril respectando o arco e a anchura orixinal da ponte que anda preto dos tres metros. Con todo a primeira noticia da ponte da que dispoñemos atopámola nun documento do ano 1566 que se garda no arquivo do pazo de Camba, no que o Arcebispo de Santiago de Compostela sinala a conveniencia de que se dote ao lugar de pousada por tratarse dun importante enclave nas comunicacións das terras do Ourense coas de Lugo e A Coruña, moi frecuentado por arrieiros e xentes de comercio.

A entrada da ponte enriba dunha grande peneda atopase unha cruz latina coma santificando o lugar, que ben merecía ser rehabilitada logo de que fora rachada en tempos recentes. E postos a pedir a rehabilitación podería chegar tamén aos muíños que se atopan nun e noutro lado da ponte e para retirar o asfalto que tempo atrás se botou enriba das lousas da calzada. A ponte sobre o Arnego é ben coñecida por figurar en diversas publicacións aínda que os datos históricos da mesma escasean. Aquí sinalan os paisanos, está o centro de Galicia e a ponte aparece indicada en varios mapas do século XVII concorrendo nela vellos camiños que viñan de O Ribeiro e Oseira por A Lagoa (Dozón) e Alemparte (Lalín), para salvar o Arnego cara a Ventosa (Agolada) e Salto (Rodeiro) e continuar para Monterroso e Melide.

Outras vieiras en Camba e Lalín

Acompañounos nesta visita a Ponte de Pedroso, o amigo e investigador Luís F. Pérez Fernández, quen nos sinalou que no Pazo de Camba, propiedade da súa familia e tamén situado ao pé do Camiño de Inverno había un relevo semellante. Alí comprobamos que nunha dependencia da planta baixa da torre agora adicada a adega, a existencia nun perpiaño dunha dun relevo de uns 10 centímetros a cada xeito coa representación dunha cunha de vieira. Malia o desgaste que presentaba puidemos facer unhas fotos ao igual que das marcas de canteiro que presentaban a maior parte dos perpiaños da construción.

A cuncha da vieira que se tiña de antigo coma alegoría das boas obras, da fecundidade ou do bautismo purificador, aparece como ornamento en capiteis románicos a partir do século XII, coma en Lalín de Arriba ( Lalín) nun capitel da fiestra da ábsida e noutro do arco triunfal da antiga igrexa que foi monacal ao carón da antiga calzada e do Camiño de Inverno a Compostela. A utilización polos peregrinos da cuncha de vieira está comprobada dende a época medieval, aínda que o recoñecemento como símbolo do Xacobeo sexa relativamente recente.

Porén non se pode afirmar que os relevos de cuncha de vieira que referimos, foran indicadores do camiño de peregrinación a Compostela por estas terras de Deza, xa que non están a vista do camiñante como acontece coas que adornan as igrexas románicas, senón as «marcas de honor» que os mestres canteiros comezaron a deixar esculpidas nas obras importantes a partir do século XIV cando o gótico se impoñía, e que ben puideron facer por encarga dos señores do Pazo de Camba ou do Cabildo de Santiago que chegaron a estar ligadas e que durante moitos séculos exerceron o seu dominio nestas terras dezás.