O campo de mámoas Monte Cabeza, na Serra do Faro, atópase en perigo

Daniel González Alén LALÍN

RODEIRO

Daniel González Alén

Labores de roturación están provocando danos irreversibles nesta necrópole

28 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Labores de roturación no entorno do campo de mámoas do Monte Cabeza están causando danos irreversibles nos enterramentos e ameazan coa súa destrución total de non mediar unha urxente e decidida actuación. Os Concellos de Rodeiro e Chantada en cuxos lindeiros se atopa esta necrópole deberán tomar medidas para parar esta desfeita e

informar a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, dista neglixente actuación que pon en perigo este enclave prehistórico que se atopa a beira do Camiño de Inverno a Compostela.

Alertados polos veciños e xente interesada polo patrimonio dezao, acudimos ao Monte Cabeza na Serra do Faro para comprobar os danos que se produciron no campo de mámoas.

Por desgraza unha vez mais, as alarmas eran fundadas e malia contar con un panel explicativo que a sinaliza e distingue e a correspondente catalogación en inclusión no PXOM de Rodeiro, a reixa do arado e a grade fixeron estragos en dúas das tres mámoas que se conservan nesta necrópole. Xa a finais da primavera pasada fixéronse labores de roturación nas tenzas de monte que ocupa esta necrópole como podemos comprobar nunha visita a zona. Daquela a aradura mecánica non afectara as mámoas limitándose ao contorno.

Buscadores de tesouros

Pero agora logo da aradura fíxose unha labor de decruado con grade mecánica que afectou a estrutura de dous dos túmulos aos que causaron importantes danos. Estes dous enterramentos xa foran violados por buscadores de tesouros tempos atrás e logo os paisanos levaron as súas lousas para empregar en diversas construción agrarias. A terceira das mámoas que forma esta necrópole salvouse polo de agora desta salvaxe agresión.

E a de maior tamaño das tres e na actualidade está cuberta por un espeso mato de toxos e uces o que fai supoñer que pertence a outro propietario. As tres mámoas que forman este conxunto dolménico miden entre 15 e 20 metros de diámetro e na actualidade logo de ser rebaixadas por labores agrícolas non superan o metro de altura.

Están catalogadas pola Dirección Xeral do Patrimonio coas referencias GA36047074 (Monte Cabeza 1), GA36047075 (Monte Cabeza 2) e GA36047076 (Monte Cabeza 3). Cando se construíu o Parque Eólico do Faro procedeuse a súa limpeza, estudio e sinalización coa colocación do panel informativo que aínda pode ollarse a pé do Camiño de Inverno.

Na zona, hai alúmenos outros tres conxuntos dolménicos, dous deles no porto do Faro ao carón da estrada de Lalín a Monforte, outro no monte de A Portela que tamén foi estudado e sinalizado cando a construción do Parque Eólico e un terceiro do que se conserva unha soia mámoa a pé do camiño de Inverno baixando cara a Aboldrón que localizou en datas recentes Luís F. Pérez e que aínda está sen catalogar.

E na corda da Serra do Faro marcando os lindeiros con terras de Chantada e Oseira hai outros dous campos de mámoas entre a Fonte dos Meniños e Asperelo.

Para evitar o total arrasamento deste enclave prehistórico de Monte Cabeza xunto co amigo Antonio Presas elaboramos un informe que remitimos ao Concello de Rodeiro para que o faga

seguir a Patrimonio, pregando se proceda a a paralizar os traballos que se realicen nos contornos, que se avise aos propietarios do delito no que están incorrendo e petición de que se estude a posibilidade de dotar a este conxunto arqueolóxico dun muro que o

protexa e resalte dos contornos coa supervisión dos organismos competentes e que sería un aliciente mais para mostrar aos peregrinos que en numero crecente percorren o Camiño de Inverno a Compostela.

O rexedor de Rodeiro remitirá o informe a Patrimonio

O alcalde de Rodeiro, Luis López, apuntou onte que dará traslado do informe a dirección xeral de Patrimonio o fin de que adoiten medidas. Sinalou que as mámoas, inventariadas no PXOM de Rodeiro, se estenden o longo de dúas parcelas que pagan a contribución en Lugo porque no catastro o conxunto figura dentro do territorio do Concello de Chantada. Ubicado nos límites entre Rodeiro e Chantada, no PXOM de Rodeiro, indican, dúas das mámoas están sinaladas en terreos de Chantada, menos un anaco que estaría en Rodeiro, e a que queda está en Rodeiro «meténdose algo en Chantada».