«O iogur do cocido, con marmelada de grelos, é unha das vindeiras novidades»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

A firma lalinense presentará hoxe no bus da feira esa sobremesa «que chamará á atención»

28 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda facéndose á idea de que Kalekói acadou un novo premio neste caso da man da Asociación de Xóvenes Empresarios de Galicia (AJE) como Mellores Emprendedores, o responsable da firma lalinense Álex Moure, reflexiona sobre o moito traballo que lles resta por percorrer e as novas liñas de producción.

-Pouco máis dun ano de vida e varios premios, ¿emocionado?

-Moito e máis sabendo que o premio que nos deron en Ourense foi por unanimidade do xurado. Eramos 17 finalistas e a verdade é que non esperabamos tal recoñecemento pero tamén serve para pensar que algo estaremos facendo ben aínda que levamos un ano e un mes traballando. Claro que queda moito traballo pero aí está o Premio Semente en Moforte, o recoñecemento que nos deu a Asociación de Empresarios do Deza e agora este...

-Trece meses caracterizados pola aprendizaxe?

-Un ano de aprendizaxe, de moito traballo e de durmir pouco. Foron meses de probar, de preguntar moito, de estudar toda a variabilidade no leite ao longo dun ano, de facer estudo de mercado, de atallar pequenas rochas no camiño...

-Pero cun iogur totalmente artesán no mercado e con leite pasteurizado. ¿Cales son os vindeiros retos?

-O máis inmediato mañán -por hoxe- no Bus do Cocido que estará na Praza da Igrexa imos presentar o iogur do cocido, con marmelada de grelos, que é unha das novidades. É un iogur que se fai só para o cocido e penso que nunca se fixo nada deste tipo. O grelo non ten ese sabor digamos que característico xa que leva azucre e é algo diferenciado. Veremos que opina a xente. Logo neste primeiro trimestre queremos sacar unha liña de desnatados e semidesnatados xa que hai que adaptarse ás necesidades que vai prantexando o público.

-Leite procedente da granxa familiar de Rodeiro e froita ecolóxica, ¿aí está o segredo do iogur Kalekói?

-Si. O leite é de Rodeiro e o noso iogur non é firme, é unha crema de iogur que lembra o sabor do leite de antano. De feito hai persoas que nin se lembraban xa como sabe o leite de verdade!

-Comercializar o produto é un dos maiores problemas?

-Dar a coñecer o produto nunca é doado pero está entrando e imos buscando pequenos nichos de mercado. O que non somos capaces é de competir en prezos con iogures que se atopan en lineais a pouco máis de 20 centímos xa que os nosos levan leite e non derivados lácteos.