Deza: Sepultados pola neve no Faro
Unha nai e o seu fillo de 13 anos morreron conxelados hai máis de cen anos cando volvían dunha feira en Rodeiro. Na aldea chantadina de Caíbe os seus familiares aínda os recordan
chantada / la voz
Morreron sepultados pola neve cando trataban de chegar á súa casa una noite de decembro. Nin é un conto de medo, nin sucedeu nun lonxano país do norte. Pasou en Chantada en 1907. A historia pódese ler nun dos poucos exemplares que quedan de La Comarca, un semanario que se editou en Chantada no primeiro terzo do século XX. O xornalista Ramón Gutiérrez recrea alí o triste final de Pepa e o seu fillo Antonio, veciños da aldea chantadina de Caíbe. A noticia foi publicada o 18 de maio de 1930, vintetrés anos despois do suceso, o que pode facer temer que o relato poida en realidade esaxerar algún suceso menor. Pero non. En Caíbe confirman a historia. Saben dela polo que lles contaron seus pais e seus avós. Alí viven aínda familiares dos dous falecidos e incluso identifican o lugar no que os corpos foron atopados, ocultos baixo a neve.
A información escrita por Ramón Gutiérrez en 1930 conta -nun tono moi literario e cheo de diálogos e detalles imaxinados polo autor- como Pepa, coñecida polos seus vecinos como a Bonita, e o seu fillo Antonio, de 13 anos, morreron ao tratar de volver á súa casa en Caíbe cos cartos que xuntaran vendendo ovos e manteiga na feira de Rodeiro. En síntese, Gutiérrez explica que a muller confiou en poder volver sen necesidade de facer noite polo camiño, a pesar do risco evidente de adentrarse no Faro de noite, cun neno e un frío extremo. A noticia narra tamén que os veciños de Caíbe saíron buscalos en canto se deron conta de que non volveran, e que os atoparon xuntos, deitados no chan e cubertos por un manto de neve.
Pouca xente nas casas
Como acontece en xeral nas aldeas, o despoboamento ataca tamén a Caíbe e pode non ser doado atopar xente nas casas desta aldea da parroquia de Requeixo, sobre todo se o visitante chega no momento no que se está a oficiar un funeral na igrexa. Despois de chamar nalgunhas casas sin éxito, por fin sae mirar pola fiestra unha veciña, que ao non ver caras coñecidas móstrase esquiva e con poucas ganas de falar. Non corren bos tempos na seguridade da xente aillada e xa cunha certa idade, e tampouco axuda o aire frío que baixa da montaña. Pero nun momento de atención, a muller recoñece a historia que o descoñecido lle está contando e confirma que é certa. E ademais afirma ser sobriña neta da falecida Pepa.
Uns zocos para o fillo
Ábrese a porta de abaixo e María Magdalena Ratón Pereira recíbe ao visitante con máis confianza, para falar un pouco máis do que sabe. «Pepa marchara á feira a Rodeiro coa intención de mercarlle uns zocos ao fillo», explica. O pai de María Magdalena contoulle que se aquela muller se obcecou coa idea de voltar á casa naquelas perigosas condicións foi porque «tiña moita presa por alimentar un porquiño da ceba que levaba tempo sen comer».
Tamén é quen de precisar onde foi que apareceron os corpos. E, ao contrario, do que conta a noticia de La Comarca, ela asegura que estaban en lugares distintos, separados uns douscentos metros entre si. «O rapaz debeu morrer primeiro e a mai despois porque a el atopárono montaña arriba e á mai a uns cincocentos metros de Caíbe perto xa da casa, no monte que lle chaman Pedrafita». Ata hai uns poucos anos, nese lugar lugar había aínda unha cruz de madeira.
A xente vai chegando do enterro. «Baixaron dende a fonte do Sanabarrigas polo camiño que vai á fonte do Buqueiro e de aí a Pedrafita», contan ao mesmo tempo Claudio e máis José.
¿Haberá algunha confusión na data na que a narración de 1930 sitúa os feitos? Porque a feira en Rodeiro non é o día 14, senón o 15. «Viñan da feira de Rodeiro, antes era o catorce e despois pasárona para o quince como agora», comenta Vicente Simón Ratón, o máis vello do lugar. «En Santa Baia, o meu pai, Manuel Simón Santoandré, porfioulle que quedase alí pasar a noite, sen saber que o rapaz ía con ela, que senón non a deixaban marchar», comenta o seu irmán José.
Un suceso ocorrido en 1907 mortos por querer cruzar o monte a pé unha noite de inverno