Bamarti encabeza a lista de 128 inscritos no Rali do Cocido 2007

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

RODEIRO

Toño Villar, Roberto Blach, Vilariño, Javier Paz e Luis Penido serán as alternativas ao estradense Navallo amplía a cinco o número de treitos da proba lalinense, que inclúe Doade por Lebozán

15 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O XII Rali do Cocido pechou onte a súa inscrición cun total de 128 pilotos, 8 máis có ano pasado. Entre eles, como non podía ser doutro xeito, o estradense da Escudería Lalín-Deza e vixente campión do Campionato Galego da especialidade, José Miguel Martínez Barreiro. Retirado Manuel Senra da competición, Bamarti será máis ca nunca o rival a bater nunha carreira na que, iso si, terá moitos e duros competidores. Unha ollada rápida pola lista de inscritos amosa alomenos outros cinco firmes candidatos a adxudicarse a primeira proba da tempada en Galicia, caso do tamén piloto da Escudería Lalín-Deza Luis Vilariño (Clío Súper 1600), Roberto Blach (Subaru), Javier Paz (Mitsubishi EVO VIII), Luis Penido (Mitsubishi EVO VI) e o silledense Toño Villar, que este ano quere facer grandes cousas co Escort W.R.C. que adquiríu hai uns meses coa idea de correr esporadicamente, cando o seu traballo llo permita. Os candidatos ao trunfo no XII Rali do Cocido terán por diante un trazado notablemente variado respecto á edición do 2006. A Escudería Lalín-Deza optou por voltar aos 5 treitos do 2005 (o ano pasado foran 4), introducindo un segmento parcialmente novidoso e outro con moitos anos de esquecemento. Doade regresa ao trazado do Rali do Cocido seis anos despois, e faino para substituír ao de Lebozán. Serán 6,4 quilómetros con dúas pasadas, a primeira da carreira, ás 8.58 horas, e unha segunda ás 11.44. Trátase dun treito moi esbaradizo, que podería provocar os primeiros abandonos do Rali. Tralo de Doade virán os treitos de Rodeiro (9,7 quilómetros, 10.01 e 12.37 horas), Ponteamoas (11,4 qms., 16.38 e 18.52 horas), Saborida (14,6 qms., 17.16 e 19.25 horas) e o de Navallo (5,1 qms.). Este último, a gran novidade, ao presentar un percorrido parcialmente inédito na historia do Rali do Cocido marcado por unha zona inicial de bo aglomerado e unha segunda máis esbaradiza, cunha única pasada (17.44 horas). En total, serán 94,4 quilómetros cronometrados, coas pasadas a Ponteamoas e Saborida como definitorias, por ser as máis extensas e rápidas. Hoxe os participantes da proba lalinense recibirán o rutómetro, e durante a fin de semana poderán coñecer en primeira persoa o trazado no que competirán o día 24.