A liña de vida que acompaña o candil. As múltiples formas de dicirse a súa luz pobre: candil, candileixa ou candilexa, farol ou gancios de uz para alumear as cociñas, o gamón das abróteas paraprender a súa chama... Luz pobre, en diálogo coas sombras, luz que convoca os ausentes: “Ai, meu Deus, onde irá aquela xentiña? Xentiña en tempos. Vai toda no ceo. Toda no ceo”, pregúntase e contéstase a si mesmo o señor Isaac Carballo Álvarez, en diálogo con Emilio Araúxo e Marisa González Feijoo.
Viaxa esta luz pobre do candil desde As Forcadas, Mormentelos ou Pradoalbar?Serra de Queixa e Vilariño de Conso- ata Fisterra; desde Os Ancares ou O Courel ata Beade e Ribadavia; pasa por Maceda, pola Xironda, polo Deza, baixo os nomes de Filgueiroa, Don Ramiro, Zobra ou Ateán; chega á xeografía arraiana -Lobios, Lobeira, Entrimo, mesmo Castro Laboreiro-. á memoria das inverneiras e das brandas, do candil que acompañaba os fiadeiros.
É este o libriño coral, polifónico, dun nómade, “unha arborescencia de pasos pola terra”, o xesto de quen atravesa o territorio, escoita con atención e terma dos testemuños, dos nomes dos lugares, do que aínda podemos dicir en común.
É a luz do candil unha luz pobre, alimentada de sebo ou de saín en ausencia de aceite, unha luz que fala da fame e da privación, dos traballos, da crueza dos invernos e da calor das seituras. Di Xosé Carlos García Vázquez, de Don Ramiro: “(…) o meu pai ía rozar os toxos, e volveu para a casa, porque coa fame non lle daba dado ao cóbado (…), e agora que che digan que os labregos pasaban a vida durmindo a sesta no verán, e no inverno contando contos alí quentes onda o lume, e había que ver se había leña para acender o lume, contando contos alí onda o lume á luz do candil, e terían gas para o candil?” Unha luz pobre (O CANDIL), E. ARAÚXO; CALDO DE CULTIVO (páx. 154,155)
Dá conta este libro da historia dos candís tallados nunha pataca ou nunha remolacha. Carme e Cándida de Mormentelos describen o proceso: deixar chaira a pataca, un guizo de uz asentado no puzo escavado nun tubérculo, un retrinco de lenzo impregnado en sebo, e xa temos unha torcida que alimenta a chama. Sabemos dos candís asentados na cuncha dunha vieira, dos que fala Manuel Marcote Marcote, de Fisterra; candís que mollaban a súa torcida, a súa pavesa, no saín, na maga das sardiñas, nas “borbas”, na graxa do peixe. Aparece tamén o candil na voz da señora Hortensia de Zobra, no preciosismo da súa colcha: “Tecín unha colcha con caraveis, fentas e estrelas. Facía de noite nos fleques. Tecíase co candil de gas”. Unha luz pobre (O CANDIL), E. ARAÚXO; CALDO DE CULTIVO (páx.15)
É este un libro que se alimenta de cantos fíos de pensamento, voz e sentimento nacen das asociacións de ideas en torno á palabra “candil” para todas aquelas persoas que coñeceron a súa luz. Aparece así o candil que acompañaba os fiadeiros, ou fiandóns, nas voz vigorosa de Luís Pérez Sánchez, ou no testemuño de Delia Iglesias Álvarez:“Nos fiadeiros xuntábanse nunha corte a fiar, nas noites grandes, porque elí estaban quentes coas vacas, apagaban os candís, e abrazaban os mozos ás mozas, e andaban uns atrás de outros”. Unha luz pobre (O CANDIL), E. ARAÚXO;
CALDO DE CULTIVO (páx. 17)
Imposible subtraerse ao encanto da descrición de mundo que se tecía arredor da cociña de lareira da que fala Luísa Feijoo Biempica, presidida polos dous candís. Só queda ler as súas palabras, deixarse prender por elas, polo pálpito desa cociña, lugar de encontro dos viventes ?humanos e animais-, e ámbito de lectura coral, oración e narración de historias. Teñen tamén cabida neste libro os oficios ligados ao candil: o poema que se levanta das palabras e da percusión do latoeiro en Celanova, porque Emilio Araúxo, e tamén Celso Fernández Sanmartín, arrincan o poema, unha poética, da recollida literal da palabras dos seres que falan e aos que escoitan. Asoma no libro a memoria das lucernas romanas que acubilla o barro traballado polas mans oleiras.
Como non podía ser doutro xeito, tamén o candil se enrodela na trenza da lingua e desprega o prodixio da fraseoloxía popular: “Iste viño arde nun candil”, que se escoita na Ribeira Sacra ou en Ribadavia, cando o viño é bo; “iste é o fiadeiro de Aguil, tres mulleres e un candil”; “Santo que estás no candil / bota castañas abaixo / que se non teño mandil / acádochas no refaixo”, recollido en Entrimo.
Por último, a luz pobre do candil convoca os e as ausentes, na liña desa vocación que Emilio Araúxo sinala sobre si mesmo: actuar como ponte entre os que somos e estamos aquí e as xeracións precedentes. Da súa voz, o seguinte poema: TODOS OS CANDÍS APAGADOS coma se se xuntasen todos os candís apagados para seguir alumando nesta herdade de millo o millo nas Pereiras e había millo nas Cancelas millo no Portiño millo en Cortegazas millo nas Míllaras e baixando despois millo nos Carballiños baixando nos Carballiños tamén se collía millo. (Porto Quintela, 1998)
Dáme pena mandala por auga é a historia dun encontro inédito, o da muller labrega Isolina Pumar coa poeta sueca Helena Eriksson, dous mundos distintos, diferentes as linguas, as culturas, as idades…; sen embargo comparten durante catro días traballos, xantares e mesmo o cobertor da cama, trazan pontes á súa maneira.Helena Eriksson di sobre Isolina Pumar: “Ah, Isolina… Que heroína!... Brutal e doce”;
“A Isolina é coma o meu pai, se se empeña en erguer unha pedra de cen quilos, hai que erguela”.
Quen seguimos os avatares da vida da señora Isolina, da man do traballo de Emilio Araúxo, sabemos da dureza da súa existencia ?como se fai cos primeiros zapatiños baixos aos trece ou catorce anos, grazas a uns aforros que ela mesma lle dá a súa mai; sabemos das molladuras no monte; do medo ao frío do inverno… A pesar das múltiples dores que acubilla o seu corpo ?as costas, as pernas, a cabeza, os ardores de estómago…- ,coma algo gravado a lume no seu ADN, está o pulo labrego ? sae apañar as castañas no outono, abrir os regos, aínda que sexa tardiamente, para botar as cebolas, escorrenta o porco bravo que foza nas patacas no mes de san xoán. É un emblema da fortaleza, da resistencia, pero tamén acubilla en si a dozura, cando interpela a Helena Eriksson, co vocativo “corazón”, ou agradece o traballo de Emilio Aráuxo, a par dela, co celme do participio “querido”. E vai ser Isolina Pumar a que enuncie “Ti es un labrego, Emilio”, ela que cría poderosamente en que a vida estaba nos eidos. (“Disme que descanse / pero a vida está nos eidos”).
Celia Lamela Couto (Apuntamentos sobre Unha luz pobre (O CANDIL) e Dáme pena mandala por auga, de Emilio Araúxo, editados por FoCuCu -Foro para Cultivos
Culturais-), para CALDO DE CULTIVO.