A fundación do pintor de Lalín acolle ata decembro a exposición «O difuso e o concreto»
14 oct 2026 . Actualizado a las 15:20 h.«Son obras dispersas, procedentes de particulares», explicou Carlos García-Suárez Otero, director xeral da Fundación Laxeiro, para referirse ás 31 pezas que compoñen a exposición O difuso e o concreto. Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro, que se pode ver ata comezos de decembro na sede da Fundación Laxeiro, no terceiro andar da Casa das Artes.
Son pinturas, debuxos e algún gravado que trazan o percorrido polos traballos nos que Laxeiro empregou recursos abstractos, e que van dende mediados dos anos corenta ata a súa morte nos anos noventa da pasada centuria. Segundo explicou Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro e comisario da exposición, Laxeiro xunto a Seoane chegaron á abstracción «a consecuencia dun proceso de esquematización expresiva e formal que chega a resultados ben diferentes, como diferentes foron tamén as súas respectivas metodoloxías; en Seoane, de natureza principalmente analítica e en Laxeiro, de natureza principalmente intuitiva e seguramente orixinada na propia acción de pintar».
A exposición amosa as diferentes vías polas que evoluciona a abstracción na traxectoria do pintor de Lalín. Pódense ver eses camiños nos pequenos debuxos figurativos de esculturas abstractas; ou nos óleos que carecen de profundidade de campo para converterse en «imaxes puramente abstractas que sintetizan elementos compositivos a partir desa lei de máximo contacto que Laxeiro parece coller da tradición do Románico e levar ata as súa composicións máis contemporáneas e cosmopolitas».
A exposición é unha boa oportunidade para apreciar obras de Laxeiro que dificilmente poden ser admiradas en público porque pertencen a particulares ou a determinadas institucións.
O difuso e o concreto. Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro convértese nunha pequena exposición que, ao longo de trinta e unha obras que percorren a segunda metade do século XX, ilustra esa sensibilidade laxeiriana que cataliza cada época que lle tocou vivir, esta vez, na faceta menos fabuladora, que se afasta da figuración para seguir ampliando a capacidade creativa dun pintor irrepetíbel en renovación continua.