Antón Baamonde presenta hoxe ás 20.30 horas en Nigraponte Espazo Cultural en Lalín, o seu libro «Agora non é antes», acompañado por Daniel Hermosilla e Rafa Cuíña. A obra, explica o seu autor, «ten algo de flamenco porque toca moitos paus». «Galicia mudou moito, non ten nada que ver co que era fai unhas décadas polo grao de organización, polo aumento nos niveis de consumo, polo PIB, polo nivel de industrialización, polo cambio cultural. Creo que aínda se sigue vendo a Galicia cos cristais de fai unhas décadas e eu o que propoño e ver a Galicia que hai. e non esa que está no imaxinario e nos confunde porque cando a diagnose non é apropiada tampouco os obxectivos de futuro acertan».
Respecto ao resto do mundo, apunta que «tamén cambiou dun xeito acelerado. Agora estamos no gran lío que o ascenso de China que parece que non ten que ver con nos pero si, e dun modo moi inmediato. Vivimos nunha época na que o pasado non alumea o porvir».
Para Baamonde «o perigo é maior porque estamos entre dúas épocas e no libro intento apuntar elementos para debuxar este cambio de época». Fala dunha revolución tranquila, no caso de Galicia, «e a idea é o que pasou en Francia na década dos 60 nunha sociedade conservadora pasou a ser unha sociedade urbana-industrial o que deu cambio a unha mutación política. Aquí hai unha estabilidade do sistema político pero, sabe Deus, e hai enerxías tanto sociais e económicas como culturais e posibilidades que agardan un interlocutor, digamos».
En canto ao futuro no caso galego, Antón Baamonde cree que «se está constituíndo unha estrutura económica e un debuxo industrial moito máis óptimo do que podería parecer» destacando os efectos de empresas como Inditex, Citröen, as industrias do metal ou as aeronáuticas apuntando Lalín como «un polo industrial.