Botellas de Rioxa e un cuño dun club de fútbol recordan a figura deste fillo ilustre de Lalín
31 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Do aviador e fillo ilustre de Lalín, Joaquín Loriga Taboada, do que neste ano e no vindeiro se celebran numerosos actos con motivo do seu centenario, é sabido que foi célebre piloto do voo Madrid-Manila; primeiro piloto de probas do autoxiro de Juan de la Cierva e heroe na Guerra de Marrocos, onde tamén participou decisivamente na creación da aviación sanitaria española, todo isto a principios do século XX. Senllas rúas en Vigo, Agolada, Prado e na propia vila de Lalín lembran a este destacado lalinense e tamén cadanseu parque con estatuas en Prado e Lalín, perpetúan a súa memoria. No Pazo de Liñares, que o viu nacer, pode ollarse unha exposición permanente dedicada ao noso célebre aviador, do que moito se ten publicado nos distintos medios audiovisuais, sendo obxecto de numerosas homenaxes nos últimos tempos.
Máis alá dos recoñecementos oficiais e populares, que recollen as biografías que outros e nós mesmo temos publicado, Loriga é un persoeiro admirado e sempre presente na memoria dos seus paisanos lalinenses. O seu nome levárono varios clubs deportivos, o máis antigo deles, o Club Deportivo Loriga, a mediados do pasado século; e máis recentemente, unha academia de ensino, varios cafés e bares e réplicas do seu avión e do monumento obra de Asorey, teñen sido paseadas ducias de veces en desfiles da Feira do Cocido e do San Cristovo, nos seus percorridos pola vila de Lalín.
Moitos lalinenses gardan nas súas casas e negocios, obxectos, fotos e publicacións referidos a Loriga, que agora, con motivo da celebración do centenario do histórico voo e do seu falecemento en accidente aéreo, nos achegan por se puideran ter valor, para expoñer ou publicar.
Así, días pasados o polifacético amigo e artista Damián Paio Paío, entregounos unha botella de viño da Rioxa das Bodegas Franco Españolas, dedicada ao aviador Loriga, na que aparece na etiqueta unha foto do seu monumento en Lalín. A botella, de mediados os anos setenta do pasado século, pertencía a unha edición especial dedicada a Loriga e fora agasallo da empresa Ricardo Vázquez de Lalín, representante das ben coñecidas adegas, aos seus clientes de bares e particulares, aos que por aqueles anos convidaba a viaxar a Logroño cada pouco, para visitar as adegas e probar os seus viños. Esta botella, que coidamos a única que se conserva, gardábase na taberna de Antonio Faílde no Empalme de Donramiro.
Nas mesmas datas, e co mesmo fin, foinos entregado pola amiga Marisol Mosquera, viúva do inesquecible Luís Alonso da fábrica de gaseosas e comercio deste nome na parroquia silledense de Laro, un ben tallado cuño de imprenta do Club Deportivo Loriga, equipo de fútbol que a mediados do século pasado, levaba o nome de Lalín polos campos da Galicia central, como o acredita un anuncio que a mesma persoa nos achegou. Cuño e anuncio proceden da Imprenta Carrón de Lalín, da que, cando deixou de funcionar hai cincuenta anos, foron parar con outros obxectos e maquinaria desta empresa lalinense, á casa dos parentes de Celso Carrón Alonso en Laro, cando este marchou para a emigración americana.
I
nsignia e selo de caucho
Do Club Deportivo Loriga foi directivo por un tempo o noso pai Daniel González, O Tío Xanete, que gardaba entre os seus obxectos máis prezados, unha insignia e un selo de caucho desta entidade, da que tamén temos outra insignia máis recente doutro equipo de fútbol que, co mesmo nome, funcionou en Lalín.
Da botella, cuño e insignia, que coidamos únicos, xunto con outros obxectos e publicacións que gardamos, aos que habemos dedicar aquí outra reportaxe proximamente, así coma os que os amigos e veciños nos poidan achegar, farémoslle entrega ao Concello de Lalín por se estima gardalos e mostralos na exposición permanente que o aviador Loriga ten no Pazo de Liñares.