Os días 16 e 17 tres librarías da vila instalarán os seus postos de venda
25 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Lalín celebra o Día das Letras Galegas cun novo Serán que reúne a once grupos de música e baile tradicional do Concello. Só faltarán, porque non poden estar ese día, as pandereteiras de Bendoiro. Este ano, de novo, o escenario instalarase no interior dunha carpa instalada na Praza da Igrexa para evitar a choiva, en caso de auga, ou o sol dependendo das condicións meteorolóxicas do día. Onte a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, presentou os actos acompañada de representantes dos grupos.
O Serán das Letras Galegas terá lugar o día 17, a partir das 17.00 horas, presentado por Gúmer Portas de Radio Lalín, e coas actuacións das Pandereteiras de Zobra, Randela Ailola, Os Dezas de Moneixas, os Trasnos de Doade, Ponte da Prata, Repenicando, Os Xuncos, A Carballeira de Cercio, Roseira Brava e Carballo da Manteiga.
Cada formación tocará dúas pezas e seo ano pasado o fío condutor era o traxe tradicional este ano os participantes tirarán de regueira para facer, regueifando, a súa presentación no escenario.
Tras as actuacións a festa continuará na carpa con música. Antes diso, ás 11.00 horas terá lugar un obradoiro de baile galego da man de Xisco Feijóo, para continuar ás 13.00 horas cun concerto a cargo de Xisco Feijóo que xa compartiu outro ano un Serán en Lalín deixando moi bo recordo.
O Serán volve á Praza da Igrexa despois dalgún intento no pasado nalgún entorno natural como a carballeira do Rodo. Tanto o día 16 como o propio día das Letras, o día 17, o Concello instalará na Praza da Igrexa as casetas que xa se utilizaron nas festas das Dores para o mercadiño de arte e nas datas das Aldeas de Nadal como mercado . Neste caso o Concello lle ofreceu ás librarías de Lalín a oportunidade de cederlle un espazo para instalar os seus postos de libros e produtos que consideren durante esas datas.
Begoña Blanco explicou onte que mantiveron unha reunión con cos libreiros e finalmente foron tres os establecementos que aceptaron estar e abrir os seus postos. Serán Nigraponte, Álvarez e a librería de segunda mán na rúa Principal.
Cada un dos establecementos contará con dúas casetas co cal haberá seis abertas eses día para mercar libros e outros produtos.
O día 16 de maio, ás 12.00 horas, no Quilómetro Cero a Banda de Vilatuxe tocará un Concerto das Letras Galegas. Esa mesma xornada, a partires das 18.30 horas, na Praza da Igrexa, a compañía Cachirulo representará a obra infantil Xela e o dragón. O día rematará cun novo concerto, neste caso, desde ás 21.30 horas de TIAM Gz. Un grupo de rap protesta integrado por catro rapaces de Chantada. As letras, compostas por Torozas, Iagueiro e Alessov sobre as melodías de Mr. Mati teñen un alto contido social, denunciando as desigualdades e reivindicando o uso do galego como lingua para a vida.
Música, teatro, literatura e un documental en maio
A concelleira de Cultura aproveitou onte para presentar po resto da programación que terá lugar ao longo do mes de maio. A primeira cita, aínda no mes de abril, teña lugar o día 30 co espectáculo Ceibe, da compañía de danza de Fran Sieiro e que se poderá ver no Salón Teatro a partires das 21.00 horas. Trátase dunha compañía de danza contemporánea, que conta entre os seus integrantes, cunha lalinense: Adela de Botos.
Begoña Blanco animou á cidadanía a gozar dun espectáculo e dunha compañía que «deixa impactada a todo o mundo». O 10 de maio, ás 13.00 horas, a música será a protagonista dun Concerto de Primavera da Banda de Muimenta que terá lugar no Auditorio desta parroquia lalinense. O 15 de maio, ás 20.00 horas no Museo Ramón María Aller presentase o libro Os Camiños de Laxeiro.
O día 22 de maio, organizado polo instituto Ramón María Aller Ulloa, terá lugar unha nova edición da Carreira pola Lingua que partirá da Praza Galicia. A carreira discorrerá por un circuíto urbano e está previsto que dure desde ás 10.00 ás 13.00 horas.
El día seguinte, o día 23, ás 12.00 horas, na carpa instalada na Praza da Igrexa, que estará colocada dúas semanas, se porá en escena o espectáculo As mil é unha de Vero Rilo e Luis Iglesias e que versa sobre Begoña Caamaño a quen están dedicadas este anoas Letras Galegas.
Ese mesmo día, tamén na carpa, terá lugar ás 18.00 horas un novo recital poético que estará amenizado por Leticia Rey e Iago Mouriño, voz e piano.
A música será tamén a protagonista dun novo concerto, nesta caso a cargo da Banda do Conservatorio de Música de Lalín, que tocará na sala Tuno Valdés do Auditorio ás 20.00 horas.
El día 29 de maio, tamén ás 20.00 horas, no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, preséntase o documental Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe dirixido por María José Bravo Boch, profesora da Universidade de Vigo e integrante da fundación Otero Pedrayo. Neste traballo audiovisual reprodúcense os viaxes por Galicia que realizou o intelectual galeguista e que lle serveron para elaborar a que foi a primeira guía de Galicia nacida da admiración da paisaxe.
A programación do mes de maio remata o día 30 cunha nova actividade encadrada dentro do ciclo O Falar dos Fíos. Será no Pazo de Liñares onde ese día se abre unha exposición organizada por la asociación cultural Morreu o Demo, Membros do colectivo realizarán a partir das 18.00 horas unha visita guiada á exposición Onde foi Barriga Verde?. Esta mostra o periplo desde titiriteiro que percorreu Galicia cos seus monicreques.