Os Dezas de Moneixas, na Feira do Marisco de Alcobendas

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

A agrupación lalinense estará no XXII Encontro de Gaitas Tradicionais Galegas, que se celebrará os vindeiros 25 e 26

09 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O concello madrileño de Alcobendas ven celebrando desde fai vintedous anos o Encontro de Gaitas Tradicionais Galegas, evento que reúne a agrupacións de música e baile tradicional galego no marco da súa popular Feira do Marisco, á que acoden nesta edición Os Dezas de Moneixas, e que terá lugar os vindeiros días 25 e 26 de abril. A formación lalinense compartirá espazo co grupo de baile e música tradicional do Concello de Outes, a agrupación de gaitas tradicionais de Castro Candaz (Chantada) e o grupo folclórico local de Alcobendas, Xuntanza de Galegos.

O encontro abrirase o sábado cunha foto oficial dos grupos participantes na Praza Maior de Alcobendas, con asistencia do alcalde e da concelleira de Cultura, ás 18.30 horas para dar paso ao pasarrúas das formacións ata o recinto feiral onde se levará a cabo o XXII Encontro de gaitas, percusión e bailes tradicionais. A xornada rematará cunha gran foliada, despois de gozar dunha cea e da entrega de obsequios conmemorativos por parte dos grupos asistentes ao acto. A xornada dominical centrarse nunha actuación final de todos os participantes, antes de iniciar o camiño de volta a Galicia. Un intercambio cultural de Os Dezas de Moneixas que se materializa grazas ao apoio económico do Concello de Lalín, que contribuíu a facilitar a participación do grupo. Queda por definir agora a data na que o grupo Xuntanza de Galegos en Alcobendas poida desprazarse ata á capital comarcal para ofrecer no pobo unha actuación, co que se culminará este proxecto de intercambio.

O Encontro de Gaitas Tradicionais Galegas de Alcobendas, que se celebra desde o ano 2003, acolleu ao longo destas máis de dúas décadas de traxectoria a numerosas agrupacións convidadas; sendo o Centro Galego de Valladolid o primeiro que participou, para seguidamente dar paso a agrupacións de distintos puntos de España: Alacante, Gran Canaria, Badalona, Teo, O Cádavo, A Lama, Llodio,... Un encontro que forma parte da Feira do Marisco de Alcobendas, que se celebra desde 1996, e que se consolidou como a maior feira destas características en España fóra de Galicia, con carpa de 5.000 metros para 1.500 persoas.