Cuíña: «O que necesitan as forzas de seguridade son máis medios»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Os roubos perpetrados nas últimas semanas en Lalín, que aínda que remataron coa detención dos seus autores, voltaron a situar a actualidade veciñal no tema da inseguridade. Rafael Cuíña, coordinador de Compromiso por Lalín, adoita ser sempre moi precavido nesta cuestión, e tamén o foi onte na entrevista quincenal en Radio Voz, subliñando unha vez máis que os ratios de delincuencia no municipio están por debaixo dos doutras localidades. O político lalinense foi contundente na súa apreciación respecto das carencias de persoal que padece Garda Civil e Policía Local. «O que necesitan as forzas de seguridade do Estado son máis medios. A delegación do Goberno, da que depende a Garda Civil, é a que pode xestionar para que haxa máis gardas que están limitados para poder facer ben as súas funcións».

O xefe da oposición tamén lembrou as carencias de efectivos no seo da policía local; «están 9 axentes e baixo o meu goberno cando había 16, e un se xubilou e non se cubriu a praza, chegouse a dicir que non se facía pola inutilidade do goberno de Rafael Cuíña. É un corpo que está moi limitado por non ter plantilla, e escoita moitas queixas dos veciños cando está facendo un dobre esforzo», asegurou. Para Cuíña se Lalín contase cunha vintena de policías locais, que sería o acaído polo censo poboacional, e a Garda Civil máis medios «seguramente algunha situación sería máis difícil que se dese».

O coordinador de CxL que denunciou en reiteradas ocasión a situación das zonas axardinadas da Principal e Loriga, nas que o goberno está colocando agora bordiños de pedra para que os vehículos non deterioren os parterres, quere agardar a que conclúan os traballos para pronunciarse pero o que ten claro é que «esteticamente non me gusta, e mesmo recibo a cotío propostas de valados de xente de fóra para mellorar esas zonas, que haberá que ver o resultado final. O que está quedando moi ben, para min, é a Casa de Álvaro».

Compromiso propón nomear a rúa B como Castelao

O cambio de nomenclátor dalgunhas rúas do casco urbano de Lalín, ademais de engadir outros nomes máis ao rueiro foi un dos temas abordados na última reunión de portavoces lalinenses. Encontro que serviu para que Compromiso elevase a súa proposta de mudar o nome da rúa B polo de Castelao, dedicarlle un viario á tecedeira de Zobra, Hortensia Taboada, recentemente falecida, e designar rúas ao bispo Luís Quinteiro Fiúza e ao ex presidente da Deputación, Manuel Abeledo, do que se cumpriron dez anos do seu pasamento. «O goberno propón tamén unha rúa para Manuel Fraga, e nós que sexa como presidente Manuel Fraga», resaltou.